Tres ourensáns representan a Galicia no Campionato de España de Jiu Jitsu

OurenseXa
Christian Álvarez Fernández, Guillermo Arenas e Rubén Córdoba chegan ao campionato con opcións de medalla
Christian Álvarez Fernández, Guillermo Arenas e Rubén Córdoba
Christian Álvarez Fernández, Guillermo Arenas e Rubén Córdoba
15 Mar 2025

Esta fin de semana celébrase no Pavillón Patricia Martín, en Parla (Madrid), a Fase Final do Campionato de España de Jiu-Jitsu, coa participación de tres membros do Club Marbel de Ourense na selección galega.

O ourensán afincado en Madrid, Christian Álvarez Fernández, buscará revalidar a medalla de ouro na categoría de Loita masculina (+94 kg). Tamén con serias opcións de medalla están o mozo Guillermo Arenas Jara (-69 kg) e Rubén Córdoba (-94 kg), que competirán nas modalidades de Loita e Ne Waza. Na edición de 2024, Rubén Córdoba logrou unha medalla de bronce, mentres que Guillermo Arenas alcanzou o quinto posto.

A delegación galega contará ademais con tres competidores máis, todos eles procedentes da Coruña. As competicións de Ne Waza –loita no chan– e de Katas comezan este sábado a partir das 15.30 horas. O domingo, desde as 9.30 horas, disputaranse as modalidades de Loita.

Con un balance de catro medallas obtidas en 2024, o seleccionador galego, o ourensán Felipe Iglesias, marcou varios obxectivos para esta cita en Madrid: "Competir ao máximo nivel. Todos teñen opcións de conseguir medalla. Despois, segundo o seu rendemento e clasificación final, algúns poderán aspirar a formar parte da selección española para os vindeiros Campionatos de Europa e do Mundo".

⚙ Configurar cookies
0.037685871124268