Trescentos xadrecistas participarán este sábado na Copa Galicia Maristas Ourense

OurenseXa
A décimo séptima edición da 'Copa Galicia de Xadrez Maristas Ourense segundo Memorial Emilio Rodríguez' terá lugar este sábado, 1 de xuño, no Colexio Maristas a partir das 16.00 horas
resentación_Torneo_Ajedrez_II_Memorial
Presentación da 'Copa Galicia de Xadrez Maristas Ourense segundo Memorial Emilio Rodríguez
31 May 2024

Trescentos xadrecistas de todas as idades participarán mañá, sábado, 1 de xuño, na edición número 17 da Copa Galicia de Xadrez Maristas Ourense segundo Memorial Emilio Rodríguez, que se desenvolverá no Colexio Maristas, de 16.00 a 20.15 horas.

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación do torneo, nun acto que contou coa participación do concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira e a concelleira de Contratación, Ana Fernández, xunto con representantes da organización; Elías González, de Xadrez Ourense e Roberto Baltar, do Club Maristas Ourense, e das entidades colaboradoras: Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.

O torneo ourensán é o máis grande de Galicia en canto a participación e suma 17 edicións consecutivas, sen interromperse sequera durante a pandemia. Os organizadores avanzan que a deste ano será unha edición de moi alto nivel, xa que entre os participantes haberá máis de 50 que contan con ranking internacional e varios campións e campioas galegas individuais. Haberá xadrecistas desde 5 até máis de 70 anos, que tomarán parte nas 5 categorías establecidas: Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 16/14 e Sénior/Xuvenil. O torneo desenvolverase polo sistema suízo a 6 roldas.

A xornada comezará cunha homenaxe a Emilio Rodríguez, quen fora profesor de Maristas e impulsor de numerosas actividades deportivas, entre elas este torneo. Ás 16.10 h comezarán as roldas que se sucederán ao longo de toda a tarde, até a derradeira, a sexta, que comezará ás 19.40 h. Ás 20.15 h será a entrega de trofeos.

0.17192101478577