Últimos días para visitar en Ourense a exposición “La piel como testigo”

OurenseXa
A mostra, promovida pola Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame), pode verse no CHUO ata o 26 de abril
mostra-trasplantes-chuo
21 Apr 2026

O Hospital Universitario de Ourense acolle ata final de semana a exposición itinerante “La piel como testigo: entre la vida y su herida”, unha iniciativa impulsada pola Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame) en colaboración coa farmacéutica Sanofi.

A mostra poderá visitarse ata o domingo 26 de abril no vestíbulo do novo edificio de hospitalización do CHUO. A través dela, as persoas visitantes teñen a oportunidade de achegarse á realidade da enfermidade enxerto contra receptor (EICR), unha complicación que afecta a moitas persoas transplantadas de medula ósea e que condiciona de maneira significativa a súa calidade de vida.

O percorrido expositivo está composto por retratos en branco e negro realizados polo fotógrafo Xosé Durán, nos que se dá voz tanto a pacientes como a familiares coidadores. As imaxes complétanse con breves testemuños que, no seu conxunto, ofrecen unha visión ampla do impacto desta patoloxía.

A EICR, que pode aparecer tras un transplante que salva a vida de pacientes con enfermidades hematolóxicas como leucemias ou linfomas, pode manifestarse en forma aguda ou crónica. Entre os seus efectos máis habituais atópase a afectación da pel, aínda que tamén pode danar órganos como o aparello dixestivo, o fígado, os pulmóns ou os ollos. De feito, trátase da principal causa de morbilidade e mortalidade tras este tipo de intervencións.

A exposición chegou a Ourense a finais de marzo dentro do seu percorrido por Galicia. Tras a súa presentación inicial o pasado verán no Hospital Clínico de Santiago, a iniciativa pasou por distintas áreas sanitarias como Vigo, Pontevedra e Lugo, ademais de institucións como a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. Fóra da comunidade, tamén foi exhibida na Organización Nacional de Transplantes e nun congreso europeo especializado en transplantes de medula ósea celebrado en Madrid.

0.14033007621765