Un acto na Casa do Pobo de Ourense analizará o caso de Nevenka Fernández

O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este venres, día 13, ás 20.00 horas na Casa do Pobo provincial, un novo parladoiro no que se analizará o caso de Nevenka Fernández, da man da que foi voceira socialista no concello de Ponferrada cando ocorreron os feitos, Charo Velasco García. As e os socialistas proseguen así co seu ciclo de actos público e abertos á cidadanía co obxectivo de que a Casa do Pobo se converta nun referente de diálogo e interacción.
Dende o PSOE ourensán explican que este novo parladoiro centrarase no caso de Nevenka Fernández, cando se compren 22 anos da primeira sentenza por acoso sexual en España. “O caso foi pioneiro no país e supuxo un antes e un despois na loita contra a lacra do acoso sexual, xa que o alcalde de Ponferrada por aquel entón, Ismael Álvarez foi condenado por este motivo”, explican dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.
Nesta ocasión a protagonista será a ex voceira do PSOE no concello de Ponferrada, Charo Velasco García, unha das poucas persoas que apoiou a Nevenka dende que denunciou a situación de acoso. Velasco García abordará diferentes temas como o acoso sexual e outras expresións de violencia de xénero e tamén analizará as diferentes fases de acoso.
O acto servirá tamén para tratar a película de Iciar Bollaín “Soy Nevenka”, na que precisamente se analiza o caso dende o comezo e prestarase especial atención a como describe o acoso a directora do filme. Outro dos temas a tratar serán os avances na lexislación, pondo en valor as leis aprobadas polos gobernos socialistas para rematar analizando a prevención e a importancia de educar en valores, a influencia dos medios, a necesidade de contar con exemplos nas institucións e como reflicten estas situacións na contorna laboral.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que este “é un novo acto co que abrir as portas da Casa do Pobo á cidadanía, revitalizando a nosa sede e apostando por un lugar no que a veciñanza se achegue a interactuar cos diferentes invitados e invitadas que nos acompañen”.