Un incendio forestal en Baltar, Ourense, supera as 20 hectáreas

OurenseXa
O lume permanece activo na parroquia de Garabelos do Bouzo e no operativo de extinción participan dez medios aéreos, sete brigadas e cinco motobombas
hidroavion-extincion-incendios-monte-lugo
8 Aug 2026

Un incendio forestal declarado este sábado no concello ourensán de Baltar permanece activo e afecta xa a unha superficie superior ás 20 hectáreas, segundo as estimacións provisionais facilitadas pola Consellería do Medio Rural.

O lume localízase na parroquia de Garabelos do Bouzo e iniciouse ás 12.21 horas. Desde ese momento púxose en marcha un amplo dispositivo terrestre e aéreo para tratar de controlar o avance das lapas.

Ata a zona mobilizáronse polo momento dous técnicos, cinco axentes, sete brigadas, cinco motobombas e dúas pas. O operativo conta ademais cun importante despregamento desde o aire, coa participación de catro helicópteros e seis avións.

Os efectivos continúan traballando na extinción dun incendio que, segundo os primeiros cálculos, xa supera as 20 hectáreas de superficie afectada. As cifras poderán variar a medida que avancen os labores de control e se dispoña dunha medición máis precisa do terreo queimado.

Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar a detección de calquera incendio forestal a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume para consultar e avisar sobre lumes activos en Galicia.

Ademais, a Xunta dispón do número gratuíto e anónimo 900 815 085 para informar de posibles actividades delituosas relacionadas cos incendios forestais. A evolución dos lumes que alcanzan polo menos 20 hectáreas pode seguirse tamén a través da conta @incendios085 na rede social X.

0.10864281654358