Un recital didáctico de piano abre a programación cultural do Liceo de Ourense este sábado

OurenseXa
A cita, prevista para as 19.00 horas do próximo sábado, propón un percorrido pola evolución do piano a través de distintas épocas e estilos musicais
Maria Iciar piano Liceo Ourense
10 Sep 2026

O Liceo de Ourense arrincará a súa programación cultural este sábado, día 12, cun concerto de piano titulado 'Viaxe a través do piano. Recital didáctico: Do Barroco ao Nacionalismo Español'. A cita está fixada para as 19.00 horas.

A actuación correrá a cargo da pianista María Iciar Serrano Quiñones, quen propón un percorrido por distintas épocas e estilos musicais, tomando o piano como fío condutor da evolución da música ao longo dos séculos.

O programa arrinca no período barroco, caracterizado pola precisión técnica, a elegancia e unha textura contrapuntística marcada. A partir de aí, o recital avanza cara ao Clasicismo, con obras de Mozart, etapa na que o piano se consolida como instrumento solista e na que a sonata se converte na estrutura musical de referencia.

O percorrido continúa co Romanticismo, representado por Chopin e Brahms, un período marcado por un virtuosismo desbordante, unha técnica máis esixente e unha notable carga expresiva. O recital conclúe coa etapa do nacionalismo español, coa música de Isaac Albéniz, na que o piano incorpora acordes máis complexos e recursos técnicos diversos, entre eles a incorporación de temas populares de raíz andaluza.

Deste xeito, o concerto propón un itinerario que abrangue dende o Barroco ata o nacionalismo español, amosando a versatilidade do piano e o seu papel como guía da expresión musical en cada unha das etapas percorridas.

0.15865898132324