Unha vintena de persoas comezan a súa peregrinación pola Vía da Prata

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ten de novo en marcha a súa iniciativa para impulsar o itinerario xacobeo Camiño Mozárabe-Vía da Prata para continuar a potenciar o incremento de peregrinos que actualmente vén rexistrando este Camiño Xacobeo. Á saída desta acción por etapas asistiu, acompañado polo presidente da Asociación de Amigos da Vía da Prata, José Luis Rodríguez Cid, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen lembrou que esta iniciativa, posta en marcha o ano pasado con grande éxito, conta cunha alta valoración das persoas que a levaron a cabo, “algo que nos anima a continuar impulsando e fomentando este xeito de peregrinar”, recalcou.
Esta proposta, consistente en trasladar aos peregrinos en autobús a cada inicio de etapa, con regreso a Ourense ao rematar cada unha delas e co acompañamento dun guía especializado, co obxectivo de achegar o Camiño Mozárabe dun xeito cómodo, doado e asequible para todas as persoas que desexen acadar a Compostela aproveitando os días de Semana Santa.
Así, desde hoxe e ata o 19 de abril, os peregrinos teñen a posibilidade de realizar este itinerario xacobeo en cinco etapas de aproximadamente 20 quilómetros. Deste modo, ponse en marcha un servizo de transporte para que realicen o Camiño durante a Semana Santa, coa facilidade de que este autobús os levará ao punto de inicio da etapa e os recollerá ao remate para volver a traelos a Ourense. Disporán de tempo suficiente para desfrutar dos diferentes puntos de interese en cada etapa e coa garantía de obter a “Compostela” ao finalizar o itinerario.