Verdes-EQUO e Recortes Cero súmanse á candidatura conxunta de Ourense Mellor e Movemento Sumar Galicia

GaliciaXa | OurenseXa
As catro organizacións avanzan na construción dunha candidatura ampla e plural para as vindeiras municipais e reiteran o chamamento á unidade da esquerda ourensá
Acuerdo darse la mano recurso
8 Sep 2026

O Partido Verde-EQUO e Recortes Cero incorporaranse á candidatura conxunta que impulsan Ourense Mellor e Movemento Sumar Galicia para concorrer ás vindeiras eleccións municipais na cidade de Ourense. Con esta incorporación, as organizacións promotoras buscan reforzar a construción dun espazo político común, aberto e plural, co obxectivo de ofrecer unha alternativa progresista sólida, devolver a dignidade ás institucións municipais e poñer o Concello ao servizo da veciñanza.

As catro formacións coinciden na necesidade de abrir unha nova etapa política na cidade tras o actual goberno municipal, liderado por Jácome, aínda que insisten en que o proxecto nace coa vontade de gobernar e transformar Ourense a través dunha proposta social, democrática e solvente. Segundo explican as organizacións impulsoras, non se trata de sumar simplemente siglas, senón de construír un espazo útil, participativo e aberto á cidadanía, capaz de recuperar o Concello e situar no centro os problemas reais da veciñanza.

O acordo deixa aberta a porta á incorporación doutras forzas políticas progresistas, colectivos sociais, movementos veciñais, organizacións ecoloxistas e persoas independentes que compartan estes obxectivos. Neste sentido, as catro organizacións reiteran o seu chamamento á unidade ampla da esquerda ourensá, dirixíndose expresamente a Esquerda Unida, formación coa que aseguran manter relacións positivas e á que consideran un piar fundamental para artellar unha alternativa ampla de esquerdas na cidade. As organizacións afirman que recibirán cos brazos abertos a quen queira sumarse para construír o proxecto político que, ao seu xuízo, necesita Ourense.

Entre os principais eixos programáticos da candidatura figuran o acceso á vivenda, a recuperación da cultura de barrio, a creación dun sistema municipal de saúde mental, a defensa e o fortalecemento dos servizos públicos, a rexeneración institucional, a mobilidade sostible, a adaptación ao cambio climático, a igualdade entre o ámbito rural e o urbano, e a creación de oportunidades para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida en Ourense.

0.17380809783936