Voluntarias do Espazo +60 de Afundación organizan un obradoiro de costura para pacientes de psiquiatría do CHUO

OurenseXa
As persoas voluntarias achegaron nocións básicas de costura nun contexto participativo e próximo
obradoiro-costura-chuo-afundacion
21 Apr 2026

O Espazo +60 Afundación de Ourense acolleu este luns un obradoiro de costura colaborativo dirixido a pacientes do Hospital de Día do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A actividade forma parte das accións conxuntas que esta entidade mantén co Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

A sesión foi conducida por voluntarias do Obradoiro Solidario do Espazo +60, que achegaron nocións básicas de costura nun contexto participativo e próximo. A proposta busca favorecer a concentración das persoas asistentes, estimular a súa creatividade e promover a interacción social nun entorno acolledor.

Esta iniciativa inscríbese nunha colaboración xa consolidada entre ambas entidades, que nos últimos anos permitiu desenvolver distintas accións de carácter solidario e orientadas á humanización da atención sanitaria. Entre elas figuran a confección de almofadas para pacientes sometidas a cirurxías por cancro de mama, a elaboración de manguitos destinados a nenos e nenas hospitalizados ou a entrega de almofadas de lactación a mulleres recentemente nais.

Desde a organización destacan que a implicación das persoas voluntarias e o traballo coordinado co servizo sanitario contribúen a crear unha rede de apoio centrada no benestar emocional dos pacientes. Esta colaboración pon de relevo tamén o papel das iniciativas comunitarias como complemento á atención clínica tradicional.

0.13557195663452