Voluntarias do Espazo +60 de Ourense impulsan unha tenda solidaria a favor da loita contra o cancro

O grupo de persoas voluntarias do Espazo +60 de Afundación en Ourense organizou unha tenda solidaria co obxectivo de recadar fondos para a Asociación Española contra o Cancro (AECC). A iniciativa permitiu reunir máis de 800 euros coa venda de produtos elaborados ao longo do ano nos obradoiros do programa.
A tenda solidaria, aberta na rúa do Paseo, nas proximidades do Espazo +60 de Afundación na cidade, reuniu artigos confeccionados de maneira artesanal como bolsos, manteis, estoxos, carteiras, mandís ou almofadas. Moitos destes produtos elabóranse a partir de materiais reciclados, reutilizando teas, botóns ou pezas de roupa en desuso.
O proxecto forma parte do programa de voluntariado “O valor da experiencia”, no que participan 36 persoas maiores de 60 anos en Ourense. Estas persoas colaboran en obradoiros de reciclaxe e creación téxtil, nos que tamén se desenvolven produtos solidarios destinados a diferentes entidades sociais.
Entre as pezas máis representativas destacan as almofadas en forma de V, deseñadas para pacientes en procesos de recuperación oncolóxica. Este tipo de soporte busca facilitar o descanso, evitar o rozamento na zona intervida e mellorar a comodidade tras determinadas intervencións cirúrxicas.
O grupo de voluntariado de Afundación colabora coa Asociación Española contra o Cancro desde 2001 e ampliou a súa actividade a outras localidades como Verín e O Barco de Valdeorras. Ademais desta cooperación, tamén participa en iniciativas co Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O programa “O valor da experiencia” ten como obxectivo fomentar a participación activa das persoas maiores en actividades de voluntariado social, cultural, educativo e ambiental, promovendo ademais o reciclaxe e a cooperación interxeracional.