Xa pode verse en Celanova a exposición ‘Presas e Mestras’

OurenseXa
A mostra, instalada no Auditorio Municipal Ilduara, reúne historias de mestras depuradas e mulleres presas na comarca entre 1936 e os anos cincuenta
inauguracion-presas-e-mestras-celanova
29 Jun 2026

A exposición Presas e Mestras pode visitarse no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova até o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 13.30 horas de luns a sábado. A mostra foi inaugurada no marco das III Xornadas Memoria e Muller, que concluíron este domingo no municipio.

Na inauguración participou a escritora Aurora Marco, que presentou previamente o seu último ensaio sobre a mestra María Vázquez, vítima do fascismo, e actuou como madriña da exposición. Marco declarou aberta a mostra o 28 de xuño, coincidindo co 90 aniversario da votación do Estatuto, semanas antes do golpe de Estado de xullo de 1936.

A exposición reúne os nomes de arredor de cincuenta mestras con escola na comarca que sufriron expedientes de depuración durante a guerra, así como máis dun cento de mulleres presas na cadea de Celanova entre 1936 e 1938 e no cárcere de partido nos anos cincuenta. Parte destas historias están documentadas e inclúen testemuños de familiares de vítimas como Rosa Franco (Barbadás), Delfina Alonso, Ubaldina Meiriño, Ermitas Quintas (Quins, Melón), Dolores Barreiros, María Del Valle (Ourense) e a mestra depurada Áurea González (Verea).

A mostra complétase con documentos oficiais que sustentan a sinalización do cárcere de mulleres de Celanova como Lugar de Memoria, así como con expedientes de presas de localidades como Ramirás ou A Bola, publicacións de revistas de mestres como Escola de Trabajo, un carné facsímile de afiliación á ATEO e un xornal escolar da época da República dunha escola da Cañiza onde ensinaba Benito González.

Na inauguración participaron tamén o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen puxo en valor o traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e a colaboración institucional para achegar a memoria ao ámbito rural.

O presidente do Comité, Hixinio Araúxo, agradeceu o apoio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e do Concello de Celanova, así como a colaboración no marco das xornadas, que contaron con financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e coa participación de investigadoras e investigadores como Lola Varela, Tamara López, Aurora Marco, Eliseo Fernández, Dionísio Pereira e Domingo Rodríguez Teijeiro.

A comisaria da mostra, Rosa Cid Galante, destacou o enfoque da exposición como unha “historia das emocións” e subliñou a importancia de incorporar as voces das familias para construír unha “Historia desde abaixo”, ampliando o protagonismo histórico e recoñecendo o papel das mulleres.

As xornadas rendiron tamén homenaxe desde esta edición a María Rodríguez Mosquera, María Cabaco, membro fundadora e primeira vicepresidenta do Comité, falecida aos 47 anos o pasado mes de febreiro.

0.12777900695801