Xantar 2024 abre as súas portas poñendo a Ourense no epicentro do turismo gastronómico

OurenseXa
A edición deste ano reúne a 90 expositores, 63 adegas e cinco países
Inauguración de Xantar 2024
25 Out 2024

Xantar 2024 abriu este xoves as portas da súa vixesimo quinta edición poñendo a Ourense no epicentro do turismo enogastronómico peninsular ao reunir a 90 expositores aos que hai que sumar 63 adegas expositoras a maiores e con 5 países representados (España, Portugal, Perú, Costa Rica e Australia). Contará con 4 restaurantes, 1 Zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia. Conta ademais cun Túnel do Viño, de acceso profesional, que presenta un total de 113 referencias de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.

Apoio institucional

No acto oficial de inauguración do 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, o presidente provincial, Luis Menor, recalcou que a colaboración que desde a Deputación de Ourense se lle presta a Xantar é firme e constante, recalcando que desde a institución provincial sempre se apostou decididamente por este evento, “pois durante 25 anos puxemos a disposición un dos seus buques insignia, o restaurante que xestionamos a través do Inorde”. E puxo en valor a versatilidade, o dinamismo e a iniciativa de Expourense “por poñer en valor moitas das potencialidades que temos nesta provincia”.

Ademais de explicar que este ano este restaurante redobra os seus esforzos, co apoio decidido aos hostaleiros de Ourense mediante un segundo establecemento, Menor lembrou tamén que os 25 anos de historia de Xantar coinciden cos 25 anos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, “que ten sido o eixo vertebrador de todas esas políticas pensadas promocionar o noso territorio”.

Precisamente, neste aspecto argumentou Menor que se Ourense é berce de catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia e é a provincia termal por excelencia, “tanta riqueza natural só podía ofrecer tesouros culinarios” como o Pan de Cea, os pementos de Arnoia e Oímbra, as patacas de Xinzo, o mel, o lacón, razas autóctonas como o cordeiro ou a carne de tenreira, ou os produtos con Indicación Xeográfica Protexida. “Manxares todos eles que maridan perfectamente con todo o que este territorio ofrece en forma de patrimonio, medio ambiente ou cultura”, concluiu.

“Xantar é un instrumento absolutamente imprescindible para a posta en valor de todos os tesouros que temos na provincia”, concluiu Menor dandolle tamén os parabéns a Expourense por estes 25 anos de éxitos culinarios con Xantar.

0.10998892784119