Xantar clausura a súa 27ª edición con 12.000 visitas e reivindica a gastronomía como motor do rural

OurenseXa
O salón reuniu 74 expositores e máis de 5.000 participantes nas actividades, mentres homenaxeou a Jorge Bermello polo seu papel na creación de Expourense e premiou o chef limián Javier Diz Ruiz
OURENSE peche xantar 2026
22 Nov 2026

Xantar pechou este domingo a súa 27ª edición en Expourense tras catro días de actividade nos que a gastronomía, o turismo e a promoción dos produtos de calidade volveron ser protagonistas. O salón rexistrou un total de 12.000 visitas e reuniu 74 expositores, que presentaron os seus recursos turísticos e gastronómicos, nunha edición na que Portugal participou como país convidado.

A programación incluíu máis de 100 actividades distribuídas en dúas aulas gastronómicas, unha aula de catas comentadas e outra dedicada exclusivamente ás propostas de Estrella Galicia. Os talleres de cociña, degustacións e catas mantiveron unha elevada participación durante os catro días, con máis de 5.000 asistentes ás actividades.

O director de Xantar, Rogelio Martínez, destacou que o salón é xa 'moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade', converténdose tamén nun espazo de encontro e formación.

A gastronomía e a lonxevidade, protagonistas da clausura

O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que destacou o papel da dieta galega na lonxevidade da poboación ourensá. A provincia aspira a converterse nunha das poucas zonas do mundo recoñecidas como 'Zona Azul', pola elevada proporción de habitantes que superan os 100 anos.

Santalices referiuse ao enfoque do cardiólogo Valentín Fuster para subliñar tres dos factores que contribúen á lonxevidade: o movemento físico, as relacións sociais e a motivación vital.

Xantar volveu exercer como plataforma para a promoción dos produtos de calidade do agro e do mar de Galicia, así como para a dinamización do territorio rural. Nesta última xornada celebrouse o día dedicado ao concello da Arnoia, no que o concelleiro de Turismo, José Manuel Martínez, reivindicou a necesidade de continuar investindo no rural para que non sexa unicamente un destino turístico, senón tamén un espazo capaz de xerar negocios estables, ingresos e emprego que contribúan a fixar poboación.

Homenaxe a Jorge Bermello polos 30 anos de Expourense

Coincidindo co 30º aniversario de Expourense como recinto feiral, a organización aproveitou a celebración de Xantar para homenaxear o empresario ourensán Jorge Bermello, impulsor da construción das instalacións en 1996.

Durante a recollida do recoñecemento, Bermello repasou os inicios do recinto e lembrou que foi en 1999 cando o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, bautizou como 'Xantar' a feira gastronómica que se organizaba por primeira vez en Expourense.

A xornada tamén estivo dedicada aos patrocinadores e colaboradores do salón, coa tradicional entrega de placas de recoñecemento. Xantar volveu contar co apoio de diferentes administracións e entidades, entre elas a Axencia de Turismo de Galicia, as consellerías do Mar e do Medio Rural, a Deputación de Ourense e o INORDE.

Entre as empresas colaboradoras figuraron Gadis, Coren, Estrella Galicia, Cabreiroá, Grupo Cuevas, Carrefour Ourense, Centro Comercial Pontevella e Abinco Digital, ademais de entidades como Green Ambiental, Seguridad Japón, Estrelas Máxicas e Patatas Jalys, que repartiu máis de 6.000 bolsas de patacas durante a feira.

Javier Diz Ruiz gaña o Concurso Gourmet do Grupo Cuevas

A clausura tamén serviu para entregar o premio do XIV Concurso Gourmet organizado polo Grupo Cuevas, que recoñeceu a mellor receita elaborada con castaña.

O galardón recaeu no chef limián Javier Diz Ruiz, pola súa proposta 'Tosta de castañas con roll de panceta'.

A próxima cita feiral de Expourense será esta mesma semana coa décima edición de Antiq Auria, a Feira Internacional de Antigüidades, que se celebrará do venres 27 ao domingo 29 de novembro.

0.17866802215576