Xunqueira de Ambía renovará a canella Jorge Ferreiro e a praza da Eiriña cun investimento superior aos 270.000 euros

Xunta e Concello financiarán conxuntamente unhas obras que mellorarán os servizos urbanos e a contorna da Colexiata de Santa María a Real
xunta-obras-xunqueira-de-ambia
10 Jul 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Xunqueira de Ambía colaborarán na execución das obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, unha actuación que mobilizará un investimento superior aos 270.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, asinaron este xoves o convenio que permitirá desenvolver este proxecto.

As actuacións teñen como obxectivo rexenerar e poñer en valor estes dous espazos, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real, declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931 e Ben de Interese Cultural desde 1985, ademais de formar parte do ámbito de protección do Camiño de Santiago.

O proxecto contempla a actualización das instalacións urbanas existentes para resolver os problemas de saneamento e mellorar a recollida das augas pluviais. Tamén se renovará a iluminación pública mediante a instalación de luminarias LED, substituirase e actualizarase a sinalización, renovarase a pavimentación das rúas e instalarase novo mobiliario urbano.

Así mesmo, deixaranse preparadas as preinstalacións necesarias para facilitar futuras actuacións nas redes de servizos sen que sexa preciso volver levantar o pavimento.

Durante a sinatura do convenio, María M. Allegue destacou que esta intervención se executará a través do Plan Hurbe, o programa co que a Xunta colabora cos concellos para financiar investimentos destinados á mellora das contornas urbanas e á dotación de equipamentos co obxectivo de dinamizar o territorio e favorecer o reequilibrio territorial.

“Esta é unha proposta para recuperar estes espazos e con iso transformar esta fermosa contorna, para favorecer que siga a ser punto de encontro da veciñanza e visitantes”, subliñou a conselleira.

Segundo o convenio asinado, a Xunta asumirá o 70 % do investimento, arredor de 190.000 euros, e encargarase ademais da licitación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello de Xunqueira de Ambía achegará o 30 % restante, algo máis de 81.000 euros.

A conselleira indicou tamén que a Administración autonómica procurará axilizar a tramitación para licitar e adxudicar os traballos no menor prazo posible.

0.12911415100098