Xunta, Concello e Praceiros asinan un convenio para o seu traslado á Praza de Abastos nº1 de Ourense

OurenseXa
Goberno autonómico e municipal acordan unha cofinanciación máxima de 2 millóns de euros para as obras de adecuación que sexan consensuadas
sinatura-convenio-praza-de-abastos-ourense
Sinatura do protocolo para a Praza de Abastos de Ourense
6 Nov 2024

A Xunta, o Concello de Ourense e a Compañía Mercantil de Comerciantes Asociados do Mercado de Abastos nº 1 de Ourense asinaron hoxe o protocolo de colaboración para o traslado dos comerciantes á Praza de Abastos nº1 de Ourense. O documento selárono o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da entidade comercial, Emilio González, tras varios contactos e xuntanzas para pechar o acordo.

Como un dos puntos destacados, o protocolo establece que a Xunta e o Concello cofinanciarán a reactivación deste edificio emblemático da cidade, acordando un máximo orzamentario para as actuacións consensuadas de  2 millóns de euros, e para o que o Goberno galego xa consignou 1 millón de euros nas contas do vindeiro ano.

Desta achega inicial da Xunta, 800.000 euros serán destinados ás obras que se recollan no plan funcional definitivo e que atopen o consenso das tres partes para o seu financiamento. Os outros 200.000 euros -e que o Goberno galego está en disposición de incrementar se é necesario- permitirán asumir -á marxe do tope orzamentario- as obras incluídas nese plan por ser definidas como necesarias pola administración autonómica e os praceiros, pero que o Concello de Ourense xa advertiu que non respalda a nivel económico.

Trátase de obras como a mellora do circuíto de carga e descarga das mercancías ou, chegado o momento, a pasarela peonil que conecte a praza coa rúa Progreso, consideradas como fundamentais para garantir a eficiencia e a confortabilidade de comerciantes e usuarios e que foron incluídos no primeiro plan funcional, un documento elaborado en verán atendendo as demandas dos praceiros e que agora, a través deste protocolo, será consensuado co Concello para chegar ao plan funcional definitivo.

A través do compromiso asinado hoxe polo conselleiro, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de comercio, Gabriel Alén, o Goberno galego busca facilitar o acordo e garantir a mellor praza posible. De feito, o documento recolle o papel da administración autonómica na mediación entre Concello -titular do mercado- e comerciantes -concesionarios do espazo-, para desatascar e reconducir as negociacións. Cómpre salientar que as tres partes implicadas comprométense por escrito a axilizar ao máximo todo este proceso, apoiándose nunha solución negociada que permita recortar prazos.

Paso seguinte: recepción das obras e perfilado técnico das actuacións para o retorno

Este é, polo tanto, un novo chanzo dentro dos traballos que se están realizando para a reactivación da praza de abastos da capital ourensá. Analizada a situación de partida a través dese primeiro documento técnico que recolleu e avaliou as necesidades dos comerciantes, o protocolo asinado hoxe establece a folla de ruta que debe garantir o traslado dos praceiros e a potenciación desta infraestrutura, estratéxica para a cidade.

O seguinte paso iniciarase coa recepción pendente das actuais obras de reforma do edificio rehabilitado por parte do Concello de Ourense, fito previo a que os técnicos seleccionados por cada administración supervisen o estado actual do mercado e rematen de perfilar as actuacións necesarias para dotar ao edificio da funcionalidade precisa, que quedarán incluídas no plan funcional definitivo. Estas actuacións serán recollidas, tal e como detalla o documento asinado hoxe, no futuro proxecto de execución de obra, de cuxa redacción se encargará o Concello de Ourense e que terá que contar co beneplácito da Xunta. Os comerciantes, pola súa parte, asumen o compromiso de trasladarse desde a súa ubicación provisional na Alameda no prazo de dous meses desde a recepción das futuras obras de adecuación.

 

⚙ Configurar cookies
0.53151512145996