Xa pode verse en Ribadavia a exposición “Comedy Wildlife”

OurenseXa
A mostra reúne 60 fotografías de animais captadas en situacións sorprendentes e divertidas e estará dispoñible ata o 13 de setembro no Parque dos Xardinillos
inauguracion-comedy-wildlife-ribadavia
19 Aug 2026

O Parque dos Xardinillos de Ribadavia xa acolle a exposición “Comedy Wildlife”, unha selección de fotografías de natureza que empregan o humor e a sorpresa para achegar ao público a realidade dos animais e lanzar unha mensaxe de sensibilización sobre a conservación do medio ambiente.

A inauguración tivo lugar este mediodía coa presenza do alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A exposición permanecerá instalada no parque ata o vindeiro 13 de setembro.

A iniciativa forma parte do proxecto “Corrente cultural”, impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, que busca ampliar a presenza da actividade artística en Galicia e levar propostas culturais ás vilas, máis aló das sedes habituais da entidade.

“Comedy Wildlife” reúne 60 imaxes seleccionadas entre as fotografías distinguidas, desde 2015 ata 2022, nos premios “The Comedy Wildlife Photography Awards”. As instantáneas captan diferentes especies animais en momentos e posicións especialmente curiosos, entre elas tartarugas, mapaches, osos ou pingüíns.

A exposición pretende abordar a problemática ambiental desde unha perspectiva diferente. Fronte ás mensaxes negativas que adoitan acompañar os discursos sobre a fraxilidade dos ecosistemas e a perda de biodiversidade, a proposta recorre ao humor para espertar a empatía do público e favorecer unha maior implicación na conservación da natureza.

A mostra chega a Ribadavia despois de pasar por museos e espazos expositivos de países como os Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, ademais de diferentes centros de Afundación en Galicia.

Os premios “The Comedy Wildlife Photography Awards” foron creados en 2015 polos fotógrafos especializados en natureza Paul Joynson-Hicks, Tom Sullam e Michelle Wood co propósito de combinar a fotografía de fauna coa divulgación e a sensibilización ambiental. A través das imaxes, a iniciativa pretende mostrar a beleza e a diversidade da vida silvestre e promover unha maior conciencia sobre a súa protección.

0.14896607398987