120 estudantes do campus de Ourense achéganse ao funcionamento da ONU a través de simulacións

OurenseXa
Alumnado de Dereito e de Relacións Internacionais participa no proxecto COuMUN, unha iniciativa na que os estudantes asumen o papel de representantes dos países membros da ONU para debater cuestións de actualidade internacional.
coumun-proxecto-uvigo
7 May 2026

O proxecto universitario de simulación das Nacións Unidas, COuMUN 2026, reuniu esta mañá no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Ourense a máis de 120 estudantes das facultades de Dereito e de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo no Campus de Ourense.

A iniciativa desenvolverase entre hoxe e mañá no Edificio Xurídico Empresarial do Campus e ten como obxectivo achegar á cidadanía o funcionamento da ONU, así como analizar a repercusión dos acordos internacionais nas persoas e institucións galegas.

O COuMUN é un proxecto de simulación da Organización das Nacións Unidas, coñecido internacionalmente como MUN (Model of United Nations), que se organiza en universidades de diferentes países. Durante a actividade, o alumnado asume o papel de representantes dos países membros da ONU para debater cuestións de actualidade internacional.

Os participantes, organizados como delegados e delegadas, preparan borradores de resolucións, realizan negociacións e abordan conflitos seguindo as regras do procedemento das Nacións Unidas, reproducindo dinámicas propias dos organismos diplomáticos e multilaterais.

Entre os temas que centrarán os debates desta edición figuran os dereitos reprodutivos e a xestión subrogada, a recuperación de bens culturais pola colonización e a guerra, o impacto dos conflitos na seguridade alimentaria mundial, os criptoactivos e a soberanía financeira, a situación de Myanmar tras o golpe militar, a cooperación internacional contra o crime transnacional, a carreira nuclear en Oriente Medio e a crise dos mísiles de Cuba.

A organización destaca o valor formativo desta proposta, que busca fomentar competencias como a oratoria, o pensamento crítico, a negociación e o traballo en equipo, ademais de favorecer o intercambio de coñecemento entre estudantes de diferentes ámbitos académicos.

0.12612318992615