A 42ª Copa Deputación de Judo pon o broche final á súa edición de 2026 con preto de 200 participantes

OurenseXa
A competición, considerada a máis importante do calendario provincial, reuniu deportistas de categorías comprendidas entre chupetín e xuvenil
copa-deputacion-de-judo
2 Jun 2026

A 42ª edición da Copa Deputación de Judo concluíu o pasado sábado no Pazo Paco Paz de Ourense coa celebración da terceira e última xornada de competición, unha cita que reuniu a preto de 200 judocas de toda a provincia e que volveu consolidarse como un dos principais eventos de promoción deste deporte.

A competición, considerada a máis importante do calendario provincial, reuniu deportistas de categorías comprendidas entre chupetín e xuvenil. Tamén se mantivo o formato OPEN, que agrupa participantes masculinos e femininos nunha mesma categoría. Na xornada participaron representantes dos clubs da cidade de Ourense e das escolas de Cambeo, Inmaculada e Baños de Molgas.

Esta última proba serviu para decidir as clasificacións finais dunha edición que estivo composta por tres xornadas puntuables. A asistencia a cada unha delas resultou determinante para a configuración dos podios, nunha competición concibida como unha experiencia formativa para novos judocas e que, en moitos casos, supón o seu primeiro contacto coa competición oficial.

A Copa Deputación de Judo está patrocinada integramente polo Servizo de Deportes da Deputación de Ourense e organizada pola Delegación Ourensá de Judo. Ao longo de máis de catro décadas converteuse nunha das competicións de base máis consolidadas da provincia e nunha plataforma para o desenvolvemento de novas xeracións de deportistas.

Unha vez finalizada a competición, todos os participantes recibiron as súas correspondentes medallas nun acto que contou coa presenza de Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense.

Durante a cerimonia tamén se rendeu homenaxe ao xornalista Pepe González, condutor do programa Ser Deportivos da Cadea SER en Ourense, polo apoio e a difusión prestados ás artes marciais ao longo dos anos. O comunicador agradeceu o recoñecemento e afirmou que se retiraba do seu labor radiofónico “pero nunca do xornalismo”, unha profesión que, asegurou, seguirá formando parte da súa vida.

A edición número 42 da Copa Deputación de Judo volve poñer de manifesto a continuidade dunha competición impulsada polo mestre de judo Manuel Montero, que se mantén como unha referencia na formación deportiva de base na provincia de Ourense.

0.13270592689514