A Agrupación Miño organiza un acto de poesía e música tradicional galega na Praza da Ferrería

A Praza da Ferrería será escenario este xoves 21, a partir das 18.30 horas, dun acto cultural centrado na poesía e na música tradicional galega.
A iniciativa está organizada pola Agrupación Miño, que promove esta actividade co obxectivo de poñer en valor a cultura e as tradicións de Galicia a través dunha proposta que combina distintas expresións artísticas.
O evento contará coa participación das gaitas e pandeiretas da Asociación Veciñal Loureiro, integrada en Miño, así como co colectivo Círculo Poético Ourensán, co que a agrupación xa colaborou en anteriores ocasións.
Ademais do seu carácter cultural, a actividade busca tamén contribuír á dinamización da nova sede da Agrupación Miño, situada no Espazo Veciñal Casa da Maxia, que leva varios meses en funcionamento e onde xa se teñen desenvolvido xornadas sobre igualdade, saúde e a exposición “Artistas dos Barrios”.