A alfombra azul regresa a Ourense na inauguración do Ourense Film Festival 2024

OurenseXa
O OUFF levanta o pano para dar comezo a dez días nos que a capital termal convertirase no eixo do mellor cine nacional e internacional
Inauguración do Ourense Film Festival 2024
28 sep 2024

A alfombra azul volveu un ano máis a Ourense coa inauguración da 29ª edición do Ourense Film Festival, OUFF. Unha noite de estrelas e premios coa que arranca o festival que fará de Ourense o epicentro do cinema en Galicia cunha programación de máis de 60 filmes, que rematará o día 6 de outubro.

A gala inaugural celebrouse no Auditoro Municipal con entradas esgotadas. O prato forte da noite foi a estrea do documental ‘Adolfo Domínguez: El eco de otras voces’, dirixido pola filla do deseñador e presidenta executiva da marca Adriana Domínguez. Adolfo Domínguez foi un dos impulsores do OUFF nos seis inicios, un dos principais apoios do cineasta Eloy Lozano cando decidiu crear o certame. Ademais, nese ano presentou como produtor a película Los Moños. Na noite do venres Domínguez regresou ao festival como protagonista dun filme que compite na Sección Oficial Panorama Galicia.

A música contou cun espazo especial no evento, no que a Real Banda de Gaitas de Ourense interpretou o himno do festival e a recoñecida cantante galega saída de Operación Triunfo, Sabela, presentou varias cancións do seu novo traballo. Os xornalistas e presentadores Moncho Lemos e Raquel Domínguez foron os encargados de guiar este acto de apertura da festa do cine en Ourense.

Durante a gala entregáronse os primeiros premios desta edición do festival. A Calpurnia de Honra Internacional recaeu este ano no guionista cubano Alejandro Hernández, o icónico premio, a Calpurnia, entregouna o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Clara Bilbao, deseñadora de vestiario e directora, recibiu o Premio Especial OUFF das mans de Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, organizadora do OUFF. Finalmente, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entregou ao guionista e produtor Carlos Montero o Premio OUFF Ourense. AISGE, fundación colaboradora do festival, outorgou o seu galardón desta edición á actriz de imaxe e dobraxe Aurora Maestre, en homenaxe a toda a súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego. O galardón entregouno a actriz e delegada de AISGE en Galicia Isabel Blanco.

O 29º Ourense Film Festival (OUFF), trae consigo unha programación de categoría que inundará a cidade de ansiado contido cultural do 27 de setembro ao 6 de outubro. En total proxectaranse 60 películas de ficción, documentais e animación repartidas por distintas salas da cidade procedentes de 19 países diferentes. A diversidade e o recoñecemento internacional caracteriza a Sección Oficial de Longametraxes, no que destacan títulos como o ‘Les paradises de Diane’ (Premio do Público da Sección Panorama do Festival de Berlín), ‘Lo que imaginamos como luz’ (Gran Premio do Xurado no Fes-tival Cannes), ‘Mongrel’ (Mención Especial Caméra d'or Prize no Festival de Cannes) ou ‘Sujo’ (Premio Especial do Xurado no Festival de Sundance). O bo nivel de programación está presente tamén no resto de seccións competitivas (Panorama Galicia, Sección Oficial de Curtametraxes) e non competitivas (Inédito en Ourense Autoras, Cine e Auga, Sesións Especiais, Cine Familiar, Ouffmérides e Ouff series) do festival.

Dende a Deputación destacan que, por primeira, vez este ano comeza unha iniciativa de real interese para o festival, a cidade e o sector audiovisual internacional, como é OUFF LAB. Sete proxectos de filmes en desenvolvemento daranse durante a semana cita en Ourense para presentar as súas ideas, avances e intencións artísticas. Tendo como punto de inflexión nas súas futuras obras a rodaxe na nosa provincia.

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.

Consulta a programación completa do Ourense Film Festival

0.10488605499268