A Área Sanitaria de Ourense implanta un manual pioneiro de boas prácticas para a atención sanitaria ás persoas trans

O persoal da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta xa cun Manual de Boas Prácticas na Atención en Saúde a Persoas do Colectivo Trans, unha ferramenta pioneira nun centro sanitario público destinada a garantir unha atención máis inclusiva, respectuosa e libre de discriminación.
A iniciativa xorde da demanda formativa de profesionais sanitarios do Hospital Universitario de Ourense, que solicitaron recomendacións prácticas para mellorar a atención a persoas trans en consultas e ingresos, co obxectivo de ofrecer respostas máis axeitadas e seguras tanto para pacientes como para o propio persoal.
O manual foi elaborado de forma colaborativa entre profesionais sanitarios, asociacións, persoas usuarias e entidades vinculadas á defensa dos dereitos do colectivo trans. Entre os participantes figuran Apoio Positivo Ourense, Euforia Familias Trans Aliadas, así como profesionais dos servizos de endocrinoloxía, humanización, calidade, formación e traballo social, ademais de especialistas en diversidade, sexoloxía e dereito.
O documento, desenvolvido ao longo de máis de dous anos de traballo iniciado en 2023, contou co apoio da Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Servizo Galego de Saúde, no marco da súa estratexia de humanización e igualdade.
Segundo se recolle no texto, o manual busca adaptar a práctica clínica ao paradigma da diversidade e servir de apoio tanto ao persoal sanitario como non sanitario, favorecendo contornas máis seguras, acolledoras e respectuosas coa identidade, proceso de transición ou expresión de xénero de cada persoa.
Entre as recomendacións inclúense cuestións como respectar o nome e os pronomes escollidos, rexistrar a información na historia clínica cando exista discrepancia coa identidade administrativa, garantir a confidencialidade, evitar preguntas innecesarias, coidar a comunicación e crear espazos seguros. Tamén se recolle a importancia de derivar a atención psicolóxica ou psiquiátrica unicamente cando exista demanda expresa da persoa.
Como ferramenta de consulta rápida, o manual incorpora un decálogo de boas prácticas para a atención diaria e insiste na necesidade de formación continuada dos profesionais nesta materia.
Ademais, o documento complétase con anexos sobre marco legal, normativa aplicable, protocolos existentes e recursos sociais e de atención á diversidade.
No marco da súa implantación, a Área Sanitaria de Ourense está a desenvolver sesións formativas para o persoal, nas que participaron especialistas en endocrinoloxía, psicoloxía, sexoloxía, dereito e formación en diversidade, co obxectivo de mellorar a atención asistencial desde unha perspectiva de dereitos e non discriminación.