A Asociación Afiador celebra a súa Gala de Fin de Tempada co apoio da Deputación de Ourense

OurenseXa
Luis Menor puxo en valor os 35 anos de traxectoria dunha asociación pioneira en Galicia e referente para os adestradores
gala-afiador-ourense
10 Jun 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este luns na Gala de Fin de Tempada da Asociación Afiador, unha cita xa consolidada dentro do calendario futbolístico provincial e do colectivo de adestradores ourensáns.

Durante o acto, Menor destacou o papel que desempeñan os técnicos na formación persoal e deportiva da mocidade, asegurando que “detrás de cada rapaz ou rapaza que entra nun campo hai alguén que lle ensina disciplina, compañeirismo, esforzo, respecto e capacidade para levantarse cando as cousas non saen ben”.

O mandatario provincial incidiu na estreita relación que mantén a institución provincial coa Asociación Afiador, entidade á que definiu como “algo moi propio” pola colaboración sostida ao longo dos anos e pola visión compartida do deporte como ferramenta educativa, social e humana.

No marco da celebración, Luis Menor puxo en valor os 35 anos de traxectoria dunha asociación pioneira en Galicia e referente para os adestradores. Ademais, felicitou á directiva presidida por Roberto González polo labor que está a desenvolver en ámbitos como a formación continua, a representación do colectivo e a dignificación da profesión.

O presidente da Deputación tamén destacou a vertente social da entidade, facendo referencia aos proxectos que impulsa en colaboración con diferentes organismos, entre eles o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, así como o seu compromiso coa defensa dos dereitos dos profesionais do fútbol base.

A gala contou coa asistencia da presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño, e do director deportivo da entidade celeste, Marco Garcés. Menor agradeceulles a súa presenza, interpretándoa como unha mostra de apoio ao traballo que se realiza desde o fútbol formativo.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a lembranza dedicada a Luis Soria, fundador da Asociación Afiador. O presidente provincial resaltou a pegada que deixou no fútbol ourensán e o seu papel clave na creación dun espazo de encontro, formación e crecemento para os adestradores.

Ao longo da gala tamén se recoñeceu a diferentes figuras vinculadas ao fútbol da provincia e á propia asociación. Menor felicitou ás persoas homenaxeadas e destacou a contribución realizada por xeracións de técnicos, directivos e colaboradores para converter o fútbol nunha ferramenta de aprendizaxe e transmisión de valores.

“O fútbol tamén é memoria, gratitude e recoñecemento a quen abriu camiño antes ca nós”, concluíu o presidente da Deputación, que reiterou o compromiso da institución co deporte base e co traballo que desenvolven entidades como a Asociación Afiador.

0.12557697296143