A Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense celebrou o Día Internacional do Voluntariado

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe no acto de recoñecemento organizado pola Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense con motivo do Día Internacional do Voluntariado. Na súa intervención, Santiago Villanueva enxalzou o labor deste persoal voluntario na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, e sinalou a importancia de que conten co equipamento axeitado e dunha boa formación.
Así, o director xeral destacou a xenerosidade e a solidariedade do voluntariado de Protección Civil ao “dedicar, de xeito altruísta, o seu tempo a velar pola seguridade da poboación na contorna máis próxima e tamén cando son requiridos noutros territorios”. Salientou tamén o seu compromiso e o compañeirismo, como valores que marcan a acción deste persoal voluntario.
Santiago Villanueva referiuse ao apoio da Xunta a estes colectivos, a través de distintas liñas para contribuír aos seus gastos de funcionamento, á dotación de material e á formación. O conxunto destas medidas supuxo nos últimos un investimento superior aos 24 millóns de euros.
Concretamente este ano, 64 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense recibiron máis de 100.000 euros a través da orde de axudas para o seu funcionamento, dotada con 340.000 euros e que beneficiou en toda Galicia preto de 200 entidades. A relevancia desta liña de apoio levou ao Goberno galego a incrementar a contía prevista para 2025 ata os 370.000 euros.
Tamén na provincia ourensá houbo unha trintena de entidades beneficiarias da última orde de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios. Cada unha delas recibirán material como tendas de campaña, remolques, kits de ferramentas eléctricas e de material loxístico de seguridade viaria, que representa un investimento conxunto superior aos 163.000 euros.
No conxunto de Galicia son 87 os municipios beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027. Segundo indicou o director xeral, o obxectivo é reforzar o equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.