A Asociación Xuvenil Amencer clausura a 14ª edición de 'Tempo de Troula' con 18 participantes

A Asociación Xuvenil Amencer fixo balance da décimo cuarta edición de 'Tempo de Troula', un proxecto educativo de tempo libre que se desenvolveu entre o 9 e o 30 de setembro nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense.
O programa, pensado para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos —desde 4º de Educación Infantil até 6º de Educación Primaria—, prolongouse durante catro semanas en horario de tarde, de 15.00 a 17.30 horas.
Esta proposta xorde como resposta á necesidade de conciliar a vida laboral e familiar, especialmente neste primeiro mes de curso no que algúns centros educativos non imparten clase pola tarde, o que deixa aos menores con máis tempo libre dispoñible. Ademais, permite aproveitar os recursos e infraestruturas que ofrece o propio colexio salesiano fóra do horario lectivo.
Entre os obxectivos marcados pola entidade organizadora atópanse educar en valores a través do xogo, fomentar a creatividade dos participantes, impulsar a participación e o traballo en equipo, e manter o uso das instalacións do centro fóra do horario escolar.
Unha experiencia valorada positivamente
O equipo animador encargado de dinamizar a actividade realizou unha avaliación do proxecto que cualifica como "moi positiva". Segundo explican, a resposta das familias foi boa, xa que nesta décimo cuarta edición o número de participantes nas catro semanas de duración ascendeu a 18 nenos e nenas.
O equipo dinamizador estivo composto por tres animadoras voluntarias da Asociación Xuvenil Amencer, que comezaron a preparar a iniciativa con antelación desde principios de setembro. Durante as semanas de desenvolvemento levaron a cabo as actividades programadas, descritas como variadas e adaptadas aos participantes.
En canto á valoración recibida, a organización destaca que tanto os comentarios das familias —recollidos nos momentos de entrada e recollida dos menores— como os da propia rapazada durante as actividades foron positivos. Segundo indican, boa proba diso é que os participantes rematan cada xornada satisfeitos co realizado. Actualmente, a entidade atópase recompilando tamén a avaliación por escrito das familias.
Á vista destes resultados, a Asociación Xuvenil Amencer mostrou a súa intención de continuar ofertando esta actividade nos meses de xuño e setembro, pensada especialmente para aquelas familias que, por motivos laborais, non poden atender axeitadamente aos seus fillos e fillas polas tardes cando os centros escolares só imparten clase en horario de mañá.