A Aula de Teatro do Campus de Ourense pecha a súa xira con ‘Insurrección’ no Teatro Principal

A Aula de Teatro do Campus de Ourense, a través do seu grupo Maricastaña, representará o vindeiro mércores 4 de novembro, ás 20.00 horas, a obra ‘Insurrección’ no Teatro Principal de Ourense. A función porá fin á xira desta montaxe e, ao mesmo tempo, servirá de pórtico para o novo curso da Aula de Teatro.
O espectáculo, con dramaturxia de Fernando Dacosta, toma como punto de partida libre a novela ‘Rebelión na granxa’, de George Orwell. Antes desta cita final en Ourense, a peza xa fora representada en Covilhã (Portugal), así como en Burgos, Pamplona, A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo e na propia cidade de Ourense, no espazo Miteu.
Para esta última función, a entrada terá un prezo de 3 euros para o público en xeral, mentres que será gratuíta para a comunidade universitaria que acredite esa condición co carné correspondente, como xesto de benvida ao curso que comeza.
A trama
‘Insurrección’ presenta un conflito entre a utopía e a distopía a través da historia dun grupo de persoas traballadoras oprimidas polo seu xefe. A medida que medra a súa conciencia colectiva, estoura unha revolta que lles permite facerse co control dos seus medios de traballo e de subsistencia, abrindo así unha etapa marcada pola esperanza, o repouso, o traballo con sentido e o espazo para a música, a danza e o pensamento.
Porén, a obra mostra como ese equilibrio se vai rachando cando algúns membros do grupo, sentíndose con máis dereito ca o resto a desfrutar do común, comezan a modificar pouco a pouco as normas da convivencia, até converter o lugar que antes fora liberado nun espazo de explotación aínda peor ca o anterior. Segundo empeora a situación laboral e vital da maioría, e se agravan os excesos de quen tomou o poder, a memoria da revolta orixinal vaise esvaecendo, alimentada pola propaganda constante dos novos opresores, mentres o grupo se divide e perde forzas. A peza deixa no aire unha pregunta final: se, nalgún momento, será posible unha nova insurrección.
O reparto está formado por Iria Losada, Diego Galdo, Vicki Reinoso, Paula Iglesias, Anabel Mansa, Miguel Solanas, Alba Gálvez, Óscar Castromán, Rubén Gómez, Carmen Blanco e Silvia Cortón. O equipo técnico inclúe a José Manuel Bayón e Rubén Dobaño en iluminación, atrezzo e labores técnicas durante a xira; Tegra e Lele en vestiario e complementos; Pablo Otero no deseño do cartel e o programa; e Renata Codda Fons no espazo sonoro. A canción final, titulada ‘A do faro’, é obra de Lucía Aldao, mentres que Chelo Cortiñas exerce de auxiliar de dirección. A dramaturxia, escenografía e dirección corren a cargo de Fernando Dacosta.
A produción corre a cargo da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e está organizada por Sarabela Teatro, cuxo equipo docente está integrado por Fina Calleja, Sabela Gago, Flor Figueroa e o propio Fernando Dacosta.