A campaña solidaria de Nadal do campus de Ourense estará aberta ata o 13 de decembro

OurenseXa
Todas as persoas interesadas poden achegar as súas doazóns aos carriños solidarios situados nos principais edificios do campus
campaña-solidaria-nadal-campus-de-ourense
30 Nov 2024

Esta semana deu comezo no campus de Ourense a campaña solidaria de Nadal para recoller alimentos, xoguetes e libros. Todas as persoas interesadas, pertenzan ou non á comunidade universitaria, poden achegar as súas doazóns aos carriños solidarios situados nos principais edificios do campus.

Ata o 13 de decembro

A iniciativa, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense en colaboración co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer, manterá os carriños habilitados ata o 13 de decembro. Estes están localizados nas entradas dos edificios Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, Politécnico e Edificio de Ferro. As entidades encargadas da distribución das doazóns solicitan alimentos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, galletas, alimentos infantís e produtos típicos do Nadal. Para os xoguetes e libros, pídese que sexan novos ou usados, pero en bo estado, ademais de ser non bélicos e non sexistas. Destácase a necesidade de achegar xoguetes e libros axeitados tamén para mozos e mozas. Os alimentos serán entregados ao Banco de Alimentos, mentres que os xoguetes e libros serán xestionados pola Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer.

Chamamento á solidariedade

No acto de lanzamento da campaña participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; María Veiga, coordinadora provincial de Xuventude da Cruz Vermella en Ourense, e Noemí Iglesias, técnica da Asociación Xuvenil Amencer. As persoas representantes das entidades animaron a toda a comunidade universitaria, incluíndo alumnado, persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, así como á cidadanía en xeral, a colaborar nesta iniciativa para axudar a mellorar o Nadal de quen máis o necesita. Tamén subliñaron a importancia de accións como esta para fomentar a solidariedade e a concienciación social entre as e os universitarios.

0.17342305183411