A Carreira Popular da Valenzá dispara as súas inscricións un 50 % na súa segunda edición

O Concello de Barbadás, a través da súa Concellería de Deportes, celebra este domingo, 15 de novembro, a segunda edición da ‘Carreira Popular da Valenzá’, unha proba que reforza a súa posición dentro do calendario deportivo local. O número de inscritos medrou de xeito notable respecto ao ano pasado: a cifra total de participantes acada os 476, entre adultos e menores, o que supón un incremento do 50 % en relación coa convocatoria de 2025.
Este repunte nótase nas catro categorías que compoñen a cita. Na distancia longa para adultos, de 10 quilómetros, os inscritos pasaron de 138 a 172. Na de 5 quilómetros, o salto foi de 77 a 109 participantes. Entre os escolares, a cifra máis que se duplicou, pasando de 35 a 96, mentres que na categoría de biberóns —a máis pequena— os inscritos subiron de 66 a 100.
A organización fixara un tope de 100 prazas por categoría entre os participantes máis novos, un límite que na proba de biberóns se cubriu por completo e que na escolar estivo preto de esgotarse.
Durante a presentación do evento, o alcalde de Barbadás destacou o carácter social da convocatoria. “É cada vez máis unha actividade de encontro para a veciñanza e as familias, que atopan no deporte unha oportunidade para compartir unha xornada de convivencia e vida saudable”, sinalou o rexedor.
Pola súa banda, o coordinador municipal de Deportes lembrou que se trata dunha proba de carácter competitivo pero cun forte compoñente popular, familiar e participativo. Explicou que os adultos poderán escoller entre dúas distancias, 5 e 10 quilómetros, percorrendo as rúas do barrio da Valenzá. Os corredores máis pequenos, os biberóns, afrontarán un tramo de 150 metros con saída diante da pista municipal, mentres que os escolares completarán un circuíto de 2,4 quilómetros.
En canto aos horarios, a xornada arrancará ás 10.30 horas coa saída dos biberóns. Cinco minutos despois, ás 10.35 horas, tomarán a saída os escolares. Por último, ás 11.00 horas, será a quenda dos corredores adultos, que partirán desde a pista multideporte.