A celebración do Rallymix de Barbadás obriga a pechar ao tráfico diversas rúas
O Concello de Barbadás informa dos cortes de tráfico que se producirán debido á celebración do 10º Rallymix de Barbadás, que terá lugar ata o domingo 27 de outubro de 2024.
O tráfico estará cortado dende o cruce da Estrada de Moreiras ata o cruce de Sobrado do Bispo, na estrada OU-160 ao seu paso por Barbadás. O corte comezará ás 16:00 horas do venres e estenderase ata as 15:00 horas do domingo. Este peche é necesario para a colocación do parque pechado de asistencia dos coches participantes no Rallymix.
Para garantir a seguridade durante o evento, o Concello despregará un dispositivo composto por seis axentes da Policía Local, trinta efectivos de Protección Civil, algúns deles procedentes doutros concellos que colaboran no evento, e a Garda Civil de Tráfico.
Ademais, o corte da estrada OU-160 tamén afectará ao transporte público dende o venres 25 ás 15:00 horas ata o domingo 27 ás 17:00 horas, no tramo comprendido entre o cruce das Escorregas e a cerámica Galos. Debido a isto, as paradas de autobús de Barbadas de Abaixo, Barbadas (Concello) e Barbadas (Galos) quedarán anuladas durante este período. As paradas de Sobrado, Bentraces e Loiro seguirán operativas, pero os autobuses desviaranse pola estrada de Celanova, o que poderá provocar atrasos nas expedicións.
Os servizos de autobús máis afectados serán os seguintes: o venres 25, a saída de Loiro ás 15:20 horas con paso por Valenzá ás 15:45, e a saída de As Lagoas ás 20:05. O sábado 26, haberá saídas de As Lagoas ás 7:55, 10:00 e 13:30, e o domingo 27, a saída será ás 10:00 horas dende As Lagoas.