A Central de Esterilización do Hospital Universitario de Ourense procesa preto de 70.000 entradas de material sanitario ao ano

OurenseXa
O servizo garante o tratamento do instrumental empregado nas máis de 19.000 intervencións cirúrxicas anuais e incorporou recentemente un novo túnel de lavado cun investimento de 220.000 euros
tunel-de-lavado-chuo
10 Aug 2026

A Central de Esterilización do Hospital Universitario de Ourense desenvolve un labor esencial para garantir a seguridade dos pacientes e o correcto funcionamento da actividade cirúrxica e asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Durante o ano 2025, o servizo rexistrou preto de 70.000 entradas de material, cunha media aproximada de 250 procesamentos diarios.

O volume de actividade está directamente relacionado coas máis de 19.000 intervencións cirúrxicas, tanto programadas como urxentes, que se realizan cada ano no Hospital Universitario de Ourense. Ademais do instrumental empregado nos quirófanos, a Central encárgase de procesar material procedente das consultas, das unidades de hospitalización, dos servizos de urxencias, do 061 e doutros dispositivos asistenciais.

O servizo tamén proporciona aos quirófanos e ás distintas unidades hospitalarias material funxible estéril, entre o que se inclúen batas cirúrxicas, campos estériles, gasas e compresas.

A supervisora de Área de Servizos Especiais, Carmen María Aldemira Arias, explica que “a magnitude desta actividade no servizo de esterilización reflíctese nos datos rexistrados durante o ano 2025, cando a Central contabilizou preto de 70.000 entradas de material, o que supón unha media de arredor de 250 procesamentos diarios e da unha resposta axeitada ás máis de 19.000 cirurxías programadas e urxentes que se atenden anualmente a área cirúrxica do Hospital universitario de Ourense”. Aldemira engade que “cada unha destas entradas corresponde a instrumental que debe seguir un exhaustivo proceso de limpeza, revisión, preparación, esterilización, control e distribución antes de volver estar dispoñible para o seu uso asistencial”.

Trazabilidade de todo o instrumental

A actividade da Central require un sistema de trazabilidade completamente informatizado. Este modelo foi implantado nos tres hospitais da área sanitaria, en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, mediante un sistema de xestión integral que permite realizar o seguimento do instrumental susceptible de ser esterilizado ata o paciente.

O supervisor do Servizo de Esterilización, Christian Paradelo Rodríguez, sinala que “esta implantación permite coñecer en todo momento a localización exacta e o estado de cada peza mediante sistemas de identificación por código de barras”.

A tecnificación do servizo vai acompañada dunha formación específica dos profesionais que traballan nel. Paradelo destaca que “o persoal desta central realiza un labor moi diferente ao desenvolvido noutras unidades asistenciais e desempeña un papel determinante na prevención das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (IRAS), ao asegurar que todo o material utilizado cos pacientes cumpra os máximos estándares de seguridade e calidade”.

O proceso comeza unha vez utilizado o instrumental nos quirófanos, momento no que se rexistra e traslada á Central. Alí é sometido a un lavado e desinfección a alta temperatura e posteriormente pasa por unha revisión manual realizada por persoal especializado. Despois prepárase, empaquétase e esterilízase mediante autoclaves ou equipos específicos de baixa temperatura, en función das características de cada material. Unha vez completado o proceso, o instrumental distribúese de novo ás diferentes unidades hospitalarias.

Controis físicos, químicos e biolóxicos

A seguridade do procedemento complétase con diferentes sistemas de control. A enfermeira do Servizo Carmen Hermida Fernández explica que “na central de esterilización hai varios controis para asegurar que todo o proceso realízase correctamente. Temos controis físicos que consiste en comprobar que os parámetros das máquinas son os correctos e a maiores temos controis químicos, que van insertados nos paquetes que acompañan ás caixas cirúrxicas, e uns controis biolóxicos para comprobar a eliminación dos posibles microorganismos que puideran sobrevivir ao proceso de esterilización”.

Hermida incide en que “todos estes controis asegúrannos que todo o material que sae da nosa central está preparado para ser utilizado nos quirófanos con total seguridade”.

Novos equipamentos para aumentar a capacidade de procesamento

A Central incorporou recentemente un novo túnel de lavado cun investimento de 220.000 euros. O equipamento pode procesar de maneira simultánea ata quince contedores de instrumental cirúrxico e complementa os catro equipos de lavado cos que xa contaba o servizo.

A renovación incluíu tamén outras actuacións nas instalacións, entre elas a implantación dun novo sistema de extracción de vapores e a ampliación da planta de tratamento de auga de alta pureza. Esta auga é fundamental tanto para prolongar a vida útil do instrumental como para manter a máxima calidade nos procesos de esterilización. O acondicionamento xeral das instalacións supuxo un investimento próximo aos 50.000 euros.

O coordinador do servizo, Antonio Araujo Pérez, sinala que “a instalación do novo túnel de lavado supuxo un gran avance para esta unidade porque ven substituír o traballo que farían tres lavadoras convencionais e ademais estas lavadoras termodesinfectadoras acadan o seu maior rendemento coa nova central de augas desmineralizadas de grande pureza recentemente instalada ao carón da central de esterilización”.

A Área Sanitaria tamén reforzou nos últimos anos os equipamentos dos hospitais públicos de Verín e O Barco de Valdeorras, que incorporaron lavadoras termodesinfectadoras e máquinas de esterilización a baixa temperatura.

Precisamente, o coordinador da Central destaca a instalación, hai dous anos, de novos equipos de esterilización a baixa temperatura mediante procesos con peróxido de hidróxeno. A actuación supuxo un investimento de 605.000 euros para os tres equipos instalados nos hospitais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A Central mantén ademais unha colaboración estreita cos profesionais de Electromedicina para asegurar o correcto funcionamento dos equipos especializados. Esta coordinación resulta especialmente relevante nun servizo sometido a unha elevada carga asistencial e no que a renovación tecnolóxica ten un papel fundamental pola evolución continua dos sistemas de esterilización.

O funcionamento da Central de Esterilización amosa así o traballo que se desenvolve detrás de cada intervención cirúrxica e de cada procedemento sanitario. A actividade dun amplo equipo de profesionais permite que o instrumental chegue novamente ás unidades asistenciais tras completar todos os procesos de limpeza, preparación, esterilización e control necesarios para o seu uso seguro.

0.1329140663147