A CEO organiza un novo encontro empresarial en Ourense sobre como converter os datos en decisións estratéxicas

Ourense volveu acoller este 22 de setembro unha nova cita do ciclo Nexos, encontros por Ourense, o espazo de conferencias organizado pola CEO e dedicado a analizar cuestións de actualidade relacionadas co mundo da empresa. Nesta ocasión, a sesión levou por título 'De los datos a la decisión: cómo transformar la información en valor para tu empresa' e reuniu de xeito telemático a preto de 30 asistentes.
Os contidos correron a cargo de dous especialistas da firma Vyta Digital: Alejandro Valcarce, director da compañía e responsable de diversos proxectos vinculados á ciberseguridade, a análise de datos e a intelixencia artificial, e Manuel Fraga, desenvolvedor de software e consultor tecnolóxico con experiencia en distintos sectores.
Durante o encontro, ambos os dous relatores repasaron distintas maneiras en que a intelixencia artificial, a automatización e as solucións informáticas personalizadas poden contribuír a mellorar a produtividade e facilitar a toma de decisións dentro das organizacións. Con exemplos prácticos, amosaron de que forma as empresas poden sacar proveito ao coñecemento que xeran internamente, simplificar procesos administrativos e comerciais, reforzar a atención ao cliente e estudar a información procedente do seu contorno.
A charla tamén incluíu unha reflexión sobre o papel dos datos á hora de identificar desviacións respecto ao previsto, anticipar posibles resultados, optimizar o uso dos recursos dispoñibles e simular distintos escenarios antes de tomar decisións concretas.
Na parte final da sesión, os expertos insistiron en que a incorporación deste tipo de ferramentas debe facerse de maneira progresiva e axustada ás particularidades de cada empresa. Para iso, recomendaron seguir varios pasos: partir dun problema concreto, valorar que datos se teñen dispoñibles, escoller a tecnoloxía máis axeitada e poñer en marcha unha proba piloto que permita comprobar resultados medibles. Así mesmo, subliñaron que a seguridade, a protección da información e a supervisión por parte de persoas deben terse en conta desde o primeiro momento, de xeito que só se amplíen aquelas solucións que realmente aporten valor ao negocio.
Este ciclo de encontros, que acumula xa máis de seis anos de traxectoria, está promovido conxuntamente por Abanca e a CEO. Na presentación da xornada participaron representantes de ambas as dúas entidades, que puxeron en valor a utilidade de achegar ao tecido empresarial ourensán temas como o tratado nesta ocasión, especialmente nun contexto marcado pola dixitalización crecente da información e a necesidade de saber convertela en valor real para as empresas.