A CEO reúne celebra o segundo Observatorio de Capital Humano centrado na saúde mental

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou este xoves a segunda edición do Observatorio CEO sobre Capital Humano, unha xornada centrada na saúde mental no ámbito laboral e no seu impacto sobre cuestións como a produtividade, o benestar das persoas traballadoras e a capacidade das empresas para atraer e conservar talento.
Este encontro dá continuidade ao primeiro observatorio impulsado pola entidade, dedicado ao absentismo laboral, consolidando unha liña de traballo orientada a analizar algúns dos principais retos que afronta o tecido empresarial na actualidade.
Na apertura institucional participaron o presidente da CEO, David Martínez Alonso, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Marta Vázquez, quen coincidiron na necesidade de afrontar de forma integral os desafíos relacionados coa xestión das persoas nas organizacións.
Durante a xornada púxose de relevo a relación existente entre saúde mental, absentismo laboral e as dificultades para cubrir determinados perfís profesionais, factores que afectan cada vez máis á realidade das empresas.
A primeira intervención correu a cargo de María Tajes Alonso, xefa do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que abordou a relación entre saúde mental e contorna laboral na conferencia titulada A epidemia silenciosa: depresión, traballo e prevención.
Na súa exposición explicou que as baixas relacionadas coa depresión non adoitan producirse de forma repentina, senón que existen indicadores previos que poden ser detectados polas organizacións. Segundo sinalou, a diferenza entre actuar a tempo ou reaccionar tarde depende da capacidade para identificar esas situacións e intervir de maneira precoz.
Posteriormente celebráronse dúas mesas redondas nas que se insistiu na importancia de entender que a saúde mental xa non é unha cuestión exclusivamente vinculada ao ámbito sanitario, senón un elemento estratéxico para a competitividade empresarial.
As persoas participantes coincidiron en sinalar que a prevención, a detección temperá de situacións de risco e a creación de políticas orientadas ao benestar son ferramentas fundamentais para afrontar os desafíos relacionados coa saúde emocional e o absentismo laboral, reforzando ao mesmo tempo a sustentabilidade das organizacións a medio e longo prazo.