A CHMS analiza en Ourense os principais desafíos que marcarán o próximo ciclo de planificación hidrolóxica

OurenseXa
O organismo identifica 16 grandes problemas e somete a consulta pública o documento base ata o 28 de maio
xornada-plan-hidroloxico-chms-ourense
30 Apr 2026

A xestión da auga na conca do Miño-Sil centra estes días o debate en Ourense, onde a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil celebrou unha xornada participativa para analizar os principais desafíos que marcarán o próximo ciclo de planificación hidrolóxica.

O encontro, presidido polo responsable do organismo, José Antonio Quiroga, desenvolveuse no Centro Cultural Marcos Valcárcel dentro do proceso de exposición pública do Esquema Provisional de Temas Importantes (EpTI), documento que servirá de base para o futuro Plan Hidrolóxico.

O EpTI recolle os principais problemas detectados na demarcación e expón posibles liñas de actuación. En total, identifícanse 16 cuestións relevantes agrupadas en catro grandes ámbitos: o cumprimento dos obxectivos ambientais, a atención da demanda e o uso eficiente do recurso, a seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e os aspectos relacionados co coñecemento e a gobernanza da auga.

Durante a xornada abordáronse algúns dos principais retos, como a presión sobre os ecosistemas fluviais derivada das infraestruturas hidroeléctricas, a contaminación procedente da actividade agroganadeira, os problemas de depuración en zonas dispersas ou os efectos do cambio climático sobre o réxime de choivas e secas. Tamén se incluíron impactos específicos como a contaminación histórica por lindano na área de O Porriño.

O documento atópase en fase de consulta pública ata o 28 de maio, período no que administracións, entidades e cidadanía poden presentar achegas.
Segundo os datos expostos, o 77% das masas de auga superficiais da demarcación presenta bo estado, cifra que ascende ao 87,5% no caso das augas subterráneas.

Quiroga destacou que estas xornadas buscan “explicar os traballos efectuados e o resultado destes, mellorar o coñecemento da conca e dar cumprimento aos obxectivos ambientais establecidos na Lei de Augas”, nun proceso que considera clave para a planificación futura do recurso.

0.2130069732666