A Comisión do Transporte Metropolitano avanza no deseño de oito liñas piloto para a área de Ourense

OurenseXa
A reunión abordou itinerarios, frecuencias e paradas, mentres continúa o debate sobre o financiamento do servizo e a integración co transporte autonómico
reunion-comision-transporte-metropolitano
16 Jul 2026

A Comisión do Transporte Metropolitano deu un novo paso na definición do futuro servizo para a área de Ourense cunha reunión na que se avanzou na configuración de oito liñas piloto, concretando itinerarios, frecuencias e paradas. O encontro celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel e contou coa participación das administracións implicadas.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recoñeceu que se trata dun proceso “moi complexo”, xa que é necesario compatibilizar as necesidades dos distintos concellos da área metropolitana, aínda que asegurou que existe vontade de continuar avanzando.

As liñas piloto foron acordadas na anterior reunión da comisión, celebrada en marzo, cando tamén se decidiu estudar o impacto que terían sobre o transporte interurbano e o custo da súa implantación.

Segundo explicou Menor, o principal escollo continúa sendo o apartado económico. O presidente provincial indicou que os cálculos presentados polo Concello de Ourense inclúen custos que considera excesivos, especialmente polos gastos fixos asociados á ampliación das liñas, que entende que poderían integrarse no contrato da futura concesionaria do transporte urbano.

Neste contexto, avanzou que se realizará unha actualización do estudo económico aproveitando os datos da nova concesión do transporte urbano da cidade. Segundo sinalou, non se trata de elaborar un novo informe desde cero, senón de perfeccionar o existente cos custos reais da futura adxudicación.

Menor advertiu ademais de que, co escenario actual, o prezo do billete alcanzaría “un prezo absolutamente fóra de mercado e que calculamos alcanzaría os 29 euros”. Ao seu xuízo, existe marxe para reducir os custos fixos e facer viable a posta en marcha das oito liñas piloto.

Outro dos asuntos tratados foi a proposta da Xunta de Galicia para adaptar o actual transporte interurbano da súa competencia ao futuro modelo metropolitano. A administración autonómica propón modificar estas rutas para integralas co transporte urbano, permitindo tamén transbordos e mantendo as bonificacións existentes.

O presidente da Deputación mostrouse optimista respecto á posibilidade de acelerar algunhas conexións consideradas prioritarias, entre elas as que darían servizo á Valenzá, ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas e á área empresarial e ao parque acuático do Pereiro de Aguiar, ao considerar que son as máis viables para unha primeira implantación.

As oito liñas piloto sobre as que traballa a comisión son Palmés-Amoeiro; Ourense-Cruz de Rante; Cumial-Parque Tecnolóxico-parque empresarial de Pereiro; Ceboliño-A Derrasa; Velle-Vilariño; O Viso-Vilarchao; Cabeza de Vaca-San Lourenzo de Piñor; e Santa Cruz-Razamonde.

O PSDEG PIDE ACELERAR A IMPLANTACIÓN DO MODELO

Os socialistas consideran que os avances son froito da súa iniciativa na Deputación e piden que as administracións “pasen das palabras aos feitos”

O Grupo Provincial Socialista valorou positivamente os avances da comisión técnico-política para a implantación do transporte metropolitano na comarca de Ourense, aínda que reclamou maior rapidez para converter os acordos en medidas efectivas.

A formación lembra que esta mesa de traballo naceu dunha moción presentada polo PSOE na Deputación co obxectivo de impulsar unha solución para a mobilidade entre a capital e os concellos da contorna.

Segundo os socialistas, entre os compromisos acadados figura a extensión de oito liñas do transporte urbano cara aos municipios limítrofes, así como o compromiso da Xunta de Galicia de elaborar un estudo para adaptar o transporte interurbano ao futuro modelo metropolitano.

Tamén destacan o avance cara á creación dunha tarxeta ou billete único que permita utilizar indistintamente os servizos da Xunta e do Concello de Ourense.

O portavoz socialista na Deputación, Álvaro Vila, lembrou que “esta mesa de traballo é consecuencia directa da moción que presentamos desde o Grupo Provincial Socialista porque tiñamos claro que era imprescindible sentar na mesma mesa ás administracións implicadas para desbloquear un proxecto que a comarca leva anos reclamando”.

Vila advertiu de que “o transporte metropolitano non pode seguir sendo unha promesa permanente. É unha necesidade para milleiros de persoas que cada día se desprazan entre a capital e os concellos da contorna por motivos laborais, educativos, sanitarios ou de lecer”.

O dirixente socialista considera que os acordos “van na boa dirección”, pero reclama “máxima axilidade” para evitar novos atrasos. “Non hai razón para seguir demorando unha iniciativa que conta co consenso das administracións. Se os trámites poden completarse durante o mes de agosto, mellor que esperar a setembro. O importante é que a cidadanía poida comezar a beneficiarse canto antes dun transporte público moderno, coordinado e adaptado ás necesidades actuais”, afirmou.

Álvaro Vila concluíu asegurando que o Grupo Provincial Socialista fará un seguimento permanente do proceso para garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos.

O BNG PIDE MANTER O MODELO ACORDADO

Pola súa banda, os nacionalistas consideran que o custo económico non pode servir de escusa para modificar un proxecto consensuado tras dous anos de traballo O BNG reclamou que se cumpran os acordos acadados para a implantación do transporte metropolitano na área de Ourense e mostrou o seu rexeitamento a modificar o modelo inicialmente pactado entre as administracións.

O deputado provincial Xosé Manuel Puga lembrou que, durante os últimos dous anos, o consenso pasou por aproveitar a nova concesión do transporte urbano de Ourense para ampliar as liñas cara aos concellos limítrofes, mentres que a Xunta reorganizaría as rutas interurbanas da súa competencia para integralas no novo sistema.

Segundo explicou, este modelo permitiría mellorar a mobilidade tanto da veciñanza da contorna cara á cidade como dos residentes en Ourense cara aos municipios próximos.

Puga mostrou a súa preocupación porque, ao seu xuízo, tanto a Deputación como o Concello estean agora defendendo modificar ese modelo alegando motivos económicos.

Para o deputado nacionalista, esta postura supón “desandar todo o camiño percorrido” e pon en risco un proxecto estratéxico para a área metropolitana.

“Este non é un problema de cartos. Por moito que falásemos dun millón, de dous ou de tres millóns de euros, non hai escusa para renunciar a un transporte metropolitano que xeraría importantes beneficios económicos, sociais e ambientais”, afirmou.

O representante do BNG sostén que este sistema favorecería a actividade económica, contribuiría á fixación de poboación nos concellos do rural e reduciría o uso do vehículo privado, mellorando tamén a mobilidade e diminuíndo as emisións contaminantes.

“O transporte metropolitano non pode analizarse unicamente desde unha perspectiva contable. Ten unha clara rendibilidade social, económica e ecolóxica que xustifica plenamente o investimento necesario”, sinalou.

Finalmente, o BNG reiterou a súa petición de executar o modelo pactado inicialmente, mantendo a ampliación das oito liñas do transporte urbano cara aos concellos limítrofes e coordinándoas coas rutas da Xunta. Puga concluíu que “non ten ningún sentido volver comezar desde cero despois de dous anos de negociacións e consensos. A cidadanía non entendería que todo o traballo realizado acabase nun caixón por unha cuestión exclusivamente económica”.

0.13351392745972