A compañía Esteta, de Taboadela, acada o terceiro premio no certame Xuventude Crea 2024

OurenseXa
Esteta obtivo o terceiro posto na modalidade Amador
Luscofusco
Imaxe da compañía Luscofusco
29 Out 2024

A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final desta categoría o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra 'Fraktal', e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa función 'Recordari'.

Ademais, na sección Amador recoñeceuse co segundo premio a LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou 'Ingobernábeis (Apto/non apto)', e co terceiro a O Cadro (Esteta Teatro), de Taboadela (Ourense), coa peza 'A puta namorada'. Así mesmo, conseguiron o segundo e terceiro posto na modalidade Pro a compañía Esteta, co espectáculo 'Que importante é e que pouco se fala', e Nauta Teatro, de Teo (A Coruña), con 'Ephímeros', respectivamente. Nesta última tamén recibiu unha mención de honra o grupo Ancoraxe, de Narón (A Coruña), coa peza 'Novecento'.

Cómpre lembrar que a división nestes dous apartados da categoría de teatro é unha das novidades que incorporou o Xuventude Crea 2024 con repecto ás súas 14 edicións anteriores. Así, os grupos xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros, puideron participar na modalidade Amador, mentres que as compañías de nova creación, profesionais emerxentes ou grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia fixérono na de Pro.

Os primeiros premios de cada unha das seccións están dotados de 2.000 euros, os segundos levan 1.500 euros e os terceiros 1.000 euros. Ademais do incentivo económico, o certame ofrece a oportunidade de visibilización dos traballos presentados, ao que se suma a colaboración do Centro Dramático Galego, que poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras no apartado Pro impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.

Os galardoados recibirán as distincións xunto co resto dos premiados nas distintas especialidades do certame, 16 en total, nunha gala final que terá lugar a mediados de decembro

0.19903612136841