A comunidade colombiana de Ourense celebrará a Festa da Independencia os días 18 e 19 de xullo nos xardíns do Bispo Cesáreo

A comunidade colombiana de Ourense celebrará os días 18 e 19 de xullo a Festa da Independencia de Colombia, coa colaboración do Concello. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Festexos, Noa Rouco, recibiron este xoves no salón de plenos a Rhina Dayana Rolong e Ingrid Juliet, integrantes da asociación Colombia Unida, organizadora do evento.
A celebración desenvolverase nos xardíns do Bispo Cesáreo e reunirase ao longo dunha fin de semana chea de música, tradición, gastronomía e actividades culturais. Desde a organización sinalan que será un punto de encontro para a comunidade colombiana residente na cidade, que supera as 3.000 persoas.
Segundo avanzaron, o programa incluirá bailes tradicionais, música en vivo, actos culturais, xogos, comidas típicas e outras propostas para toda a familia. Tamén convidan á participación da cidadanía ourensá, coa intención de compartir a súa cultura e dar a coñecer as súas tradicións.
Entre os detalles avanzados, prevese comezar o sábado pola mañá e prolongar a actividade ata a medianoite, mentres que o domingo se desenvolverá desde a mañá ata as 22.00 horas. Ademais, haberá música en vivo, exhibicións de danza e un micrófono aberto no que as persoas asistentes poderán participar.
A organización lembrou que o evento repite ubicación no Bispo Cesáreo, onde xa se celebrou o ano anterior con boa afluencia de público, tanto de persoas latinoamericanas como españolas, e confía en repetir a boa acollida nesta edición.