A conta atrás para a tarde de cine e música polo Entroido en Toén xa está en marcha

OurenseXa
O Centro de Interpretación do Entroido de Mugares abre as súas portas este sábado, 3 de outubro, con documentais, un videoclip e unha campaña publicitaria, con entrada de balde e degustación de viño do Ribeiro ao remate
Presentación da Asociación Cultural Entroido de Mugares
Imaxe de arquivo
30 Sep 2026

Quedan só uns días para a cita audiovisual e musical dedicada ao Entroido que acollerá o Centro de Interpretación do Entroido de Mugares (CIEM), en Meabe, Toén. Este sábado 3 de outubro, a partir das 16.30 horas, o espazo abrirá as súas portas para dar paso a un programa de proxeccións que combinará documentais, unha peza publicitaria e un videoclip musical.

Entre os contidos que se poderán ver atópase o documental 'La burra del Entroido de Tremor de Arriba', realizado polo Instituto de Estudios Bercianos, xunto coa curtametraxe documental 'O segredo do fulión', producida por Andaman Multimedia e Mirabelle Co. O programa complétase coa campaña publicitaria 'En Galicia somos de Entroido', de Aceites Abril, e o videoclip 'Namoreime de ti', do artista verinés Pappaquino.

Unha vez rematadas as proxeccións, a organización ten previsto un tardeo con viño do Ribeiro e picoteo para todos os asistentes. A actividade ten entrada gratuíta e non require inscrición previa: abonda con achegarse. Está organizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares, coa colaboración do Concello de Toén.

0.16508102416992