A conta atrás para o Our Fest 2026 entra na súa recta final

OurenseXa
Expourense prepárase para vivir o vindeiro 19 de setembro unha xornada musical con sete propostas ben diferentes
our_fest_2026
14 Sep 2026

Quedan apenas uns días para que Expourense se converta no epicentro musical da provincia. O Our Fest volverá a Ourense o sábado 19 de setembro cunha xornada pensada para todo tipo de públicos, combinando lendas do rock con nomes que están a dar moito que falar na escena actual.

A banda escocesa The Jesus and Mary Chain, con corenta anos de traxectoria ás súas costas, chega tras a publicación de 'Glasgow Eyes', o seu disco máis recente. Xunto a eles actuará The Dream Syndicate, un dos grupos de referencia do rock estadounidense desde os anos oitenta, no que será a súa única parada en España dentro da xira que emprendeu máis alá do seu emblemático 'The Days of Wine & Roses'.

O festival contará tamén con Triángulo de Amor Bizarro, que actuará practicamente na casa despois de máis de vinte anos marcados pola reinvención constante e dous Premios Ruido na súa traxectoria. A eles súmanse The Mystery Lights, que ofrecerán a súa única data de todo o ano, Fat Dog, que chega con nova música e formación ampliada, Germán Salto co seu proxecto 'Ojo de Bife', e Albert Petit, encargado de pór o broche final cunha sesión de DJ que percorrerá estilos como o rock, o reggae, o punk, o soul ou a cumbia.

Quen aínda non asegurase a súa entrada pode facelo a través de ourfest.gal ou da plataforma Entradas Ataquilla, antes de que chegue o día grande. O festival conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, dentro do programa de Concertos do Xacobeo.

0.16937708854675