A contorna de Santa Baia de Berredo, na Bola, será humanizada cun investimento de máis de 260.000 euros

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa da Bola, María Teresa Barge Bello, asinaron en San Caetano o convenio para a execución das obras de humanización do entorno de Santa Baia de Berredo, cun investimento total de 260.513,94 euros. No acto participou tamén a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.
A intervención enmárcase no Plan Hurbe impulsado pola Xunta, un programa co que se apoia aos concellos no financiamento de actuacións de mellora urbanística e de renovación de espazos públicos nos núcleos rurais.
O proxecto prevé actuar nos lugares de Anxá e A Eirexa, en dous camiños da parroquia de Berredo que conectan a estrada autonómica coa capela situada en Anxá e coa igrexa parroquial na Eirexa. Trátase de viarios que actualmente comparten o uso peonil co tráfico rodado e que presentan un pavimento deteriorado, polo que se renovará a súa superficie.
A Xunta, a través do departamento que dirixe M. Allegue, asumirá o 70% do investimento, máis de 182.000 euros, ademais da contratación e execución das obras. Pola súa parte, o Concello da Bola achegará o 30% restante, algo máis de 78.000 euros, e encargarse do seu mantemento e conservación.
Segundo se recolle no convenio, esta actuación forma parte da colaboración entre a administración autonómica e as entidades locais para desenvolver obras de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, co obxectivo de favorecer a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.