A contorna do CEIP O Couto conta cun novo paso de peóns inclusivo a petición do alumnado

OurenseXa
A iniciativa busca mellorar a seguridade viaria e a autonomía das persoas con TEA
novo-paso-de-peons-inclusivo-o-couto
15 Jun 2026

O Concello de Ourense continúa avanzando no desenvolvemento do proxecto “Pasos de peóns inclusivos”, unha iniciativa impulsada a través das concellerías de Educación e Tráfico que ten como finalidade reforzar a accesibilidade e a seguridade nas rúas da cidade mediante a incorporación de pictogramas específicos nos pasos de peóns.

A nova actuación levouse a cabo na rúa Cándido Fernández Mazas, na contorna do CEIP O Couto, onde esta mañá se procedeu ao pintado dos símbolos que acompañan a sinalización do paso de peóns. A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu ao desenvolvemento dos traballos.

Os pictogramas, de cor azul, están deseñados para facilitar a comprensión das normas básicas de cruzamento ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). A sinalización recolle catro indicacións clave: “Para”, “Mira”, “Coche parado” e “Cruza”, ofrecendo unha guía visual sinxela que contribúe a favorecer a autonomía persoal e a seguridade viaria.

Esta intervención forma parte da estratexia municipal orientada a promover a inclusión social e a accesibilidade universal no espazo urbano. Aínda que o proxecto está especialmente dirixido ás persoas con TEA, desde o Concello destacan que os pictogramas tamén teñen unha utilidade educativa para o alumnado de educación infantil e poden servir de apoio ás persoas maiores.

Con esta medida, o goberno municipal pretende contribuír á creación dunha cidade máis accesible, segura e adaptada ás necesidades de toda a cidadanía, favorecendo hábitos de mobilidade seguros e reforzando a autonomía das persoas usuarias da vía pública.

O proxecto tamén supón un recoñecemento ao labor do profesorado implicado en iniciativas relacionadas coa accesibilidade cognitiva, cuxas demandas e propostas resultaron fundamentais para a posta en marcha desta actuación.

No caso do CEIP O Couto, a iniciativa contou coa implicación directa do alumnado de 5º A de Primaria. Os escolares dirixíronlle unha carta ao alcalde na que solicitaban a instalación destes pictogramas na contorna do seu centro educativo. Durante o acto celebrado con motivo da súa colocación, os propios estudantes leron unhas palabras de agradecemento ao Concello, destacando o valor da colaboración entre as institucións e a comunidade educativa para impulsar melloras no espazo público.

0.12319707870483