A Coral de Ruada e Marita Souto, distinguidas cos Premios Ourensanía 2026

O xurado dos Premios Ourensanía 2026 decidiu por unanimidade concederlle o Premio Ourensanía á Coral de Ruada, en recoñecemento á súa longa achega á cultura de Ourense e de Galicia, e outorgarlle, a título póstumo, o Premio Ourensanía de Honra a María Generosa "Marita" Souto Figueroa, pola súa traxectoria nos eidos da ciencia, a docencia e a divulgación, con especial mención ao seu labor arredor do patrimonio termal da provincia.
O fallo adoptouse nunha reunión do xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, celebrada no Pazo Provincial, onde se analizaron as candidaturas presentadas tendo en conta os valores que representa o concepto de Ourensanía.
Menor subliñou que ambos os premios simbolizan dúas formas distintas, pero igualmente valiosas, de entender ese concepto: por unha banda, o coidado e a transmisión da cultura propia; por outra, a proxección internacional do patrimonio termal ourensán desde o ámbito científico. O presidente provincial engadiu que tanto a coral coma a investigadora comparten unha profunda implicación coa provincia, coa protección do seu patrimonio e coa proxección de Ourense máis alá das súas fronteiras, ata o punto de que o seu legado forma xa parte da memoria colectiva do territorio.
Máis de cen anos de traxectoria coral
Creada en 1918, a Coral de Ruada é unha das entidades culturais de maior peso na provincia e un referente na defensa e difusión da música, o canto, o baile e as tradicións populares galegas. O seu percorrido estivo moi ligado á evolución cultural de Ourense e aos movementos galeguistas e intelectuais que tiveron na cidade un dos seus puntos de referencia durante o século XX.
Segundo o xurado, o seu labor vai máis alá do musical: o compromiso co idioma galego, coa cultura popular e coa construción dunha conciencia colectiva sobre o patrimonio convertérona nunha auténtica representante de Ourense e Galicia en escenarios de dentro e fóra do país.
O galardón valora igualmente o seu papel na conservación e transmisión do patrimonio musical, tanto a través da interpretación do repertorio tradicional como mediante a formación de novas xeracións. A entidade mantén na actualidade actividades ligadas á música e ao baile tradicional, á polifonía e ao teatro, ademais de organizar concertos e programas formativos.
O xurado considérao un modelo de compromiso asociativo e de fidelidade á identidade cultural, capaz de manter as súas raíces sen deixar de se renovar. Entre os seus recoñecementos previos figuran a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a Medalla de Galicia, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro da Cidade de Ourense, o Premio Trasalba e o Premio Otero Pedrayo.
Unha investigadora pioneira no estudo das augas termais
O Premio Ourensanía de Honra 2026 distingue, a título póstumo, a Marita Souto Figueroa, química, farmacéutica, doutora, docente e investigadora que dedicou boa parte da súa carreira á análise científica das augas termais e mineromedicinais da provincia.
A súa tese doutoral, centrada no estudo químico destas augas, deu inicio a unha extensa labor investigadora que axudou a situar o termalismo ourensán no terreo científico, achegando rigor e coñecemento sobre un dos recursos máis característicos da provincia, tanto desde o punto de vista natural como histórico e económico. Foi pioneira na análise individualizada das fontes termais de Ourense e realizou achegas relevantes sobre os seus compoñentes, entre elas estudos relacionados coa presenza de selenio nas augas.
O seu labor non se limitou ao ámbito académico: foi tamén unha activa divulgadora do termalismo, defendendo que as augas mineromedicinais debían coñecerse, estudarse e protexerse como un recurso sanitario, científico e de desenvolvemento para o territorio.
No terreo docente, foi catedrática de Física e Química e asumiu cargos directivos en distintos centros educativos. O seu vínculo co Carballiño resultou especialmente significativo: alí dirixiu o IES nº 1 durante a década de 1980 e alí naceu o seu interese polo termalismo, ao coñecer as augas de Caldas de Partovia.
O seu traballo tivo tamén proxección internacional. Foi delegada en España da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia e formou parte da International Society of Medical Hydrology and Climatology. En 2025 foi nomeada académica de número da Real Academia Europea de Doutores, que destacou o seu papel como referente en hidroloxía médica e termalismo científico. Ao longo da súa carreira recibiu, entre outros recoñecementos, a Medalla Doutor Paul Couterier, a Medalla de Ouro de Termatalia e o Torques de Honra do Centro de Estudos Chamoso Lamas.
Para o xurado, a súa traxectoria representa de forma singular os valores do Premio Ourensanía: o vínculo coa terra, a posta en valor do patrimonio propio, a excelencia profesional, a vocación de servizo e a capacidade de dar proxección a Ourense máis alá das súas fronteiras.
A entrega dos Premios Ourensanía 2026 terá lugar no Teatro Principal de Ourense na véspera de San Martiño, patrón da Ourensanía. No acto, Luis Menor fará entrega das esculturas en bronce realizadas por Xosé Cid, xunto coas copias das actas que certifican a concesión dos galardóns.