A D.O. Monterrei e Expourense renovan a súa alianza para reforzar a promoción internacional dos viños da denominación

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e Expourense renovaron por undécimo ano consecutivo o convenio de colaboración co que impulsarán durante 2026 a promoción dos viños da denominación nas feiras, eventos e iniciativas internacionais organizadas polo recinto feiral ourensán. A sinatura do acordo tivo lugar este martes na sede do Consello Regulador, en Verín, coa participación do seu presidente, Manuel Vázquez Losada, e do director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez.
A colaboración entre ambas entidades remóntase ao ano 2015 e contempla a participación da D.O. Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense desenvolve ao abeiro dos convenios de cooperación transfronteiriza que mantén con entidades da Eurorrexión.
Segundo destacan ambas institucións, este acordo contribúe a que a imaxe da denominación chegue cada ano a milleiros de visitantes profesionais e público xeral que participan nos certames organizados por Expourense. En 2025, o recinto recibiu máis de 110.000 visitas procedentes de 33 países, reforzando a proxección dos viños de Monterrei como un dos referentes vitivinícolas de Galicia.
Na actualidade, a D.O. Monterrei está integrada por 30 adegas situadas nos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Laza e Cualedro. A denominación suma 852 hectáreas de viñedo nas que desenvolven a súa actividade 397 viticultores.
Entre as accións previstas destaca a participación directa da D.O. Monterrei en Xantar, o 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará entre o 19 e o 22 de novembro. Durante o evento, os seus viños estarán presentes no Túnel do Viño, participarán nos maridaxes dos showcookings con produtos de calidade de Galicia e protagonizarán unha cata comentada.
O convenio tamén permitirá manter a presenza dos viños de Monterrei en accións de promoción exterior, especialmente en Portugal, considerado un mercado estratéxico para ambas entidades, así como en futuras misións comerciais e encontros profesionais. Neste marco, os viños da denominación acompañarán un ano máis a Expourense na feira Agro de Braga, unha das principais citas do sector agroalimentario portugués.
Ademais da súa participación nas distintas actividades, a promoción da D.O. Monterrei estará presente ao longo de todo o calendario feiral e deportivo de Expourense mediante a difusión de vídeos corporativos na pantalla xigante do recinto e coa instalación permanente do módulo corporativo do Consello Regulador.
Durante a sinatura, Rogelio Martínez agradeceu a continuidade da colaboración e sinalou que “a continua renovación deste acordo permite ademais identificar novas oportunidades de colaboración en accións de promoción enoturística e gastronómica vinculadas ao turismo de calidade e ao desenvolvemento económico do noso territorio”.
Pola súa banda, Manuel Vázquez destacou que “Expourense é un bo escaparate para potenciar a imaxe de marca da D.O. Monterrei, e dar a coñecer os viños que se elaboran no territorio tanto no mercado nacional como no internacional”.