A Deputación colabora co Campus do Atlético de Madrid para impulsar a formación do fútbol base en Ourense

OurenseXa
Luis Menor visitou aos participantes da actividade, que reúne a máis de medio cento de rapaces nas instalacións do colexio Salesianos ata o vindeiro sábado
campus-atletico-de-madrid-ourense
9 Jul 2026

A Deputación de Ourense colabora unha edición máis co Campus Atlético de Madrid, unha iniciativa organizada pola academia do club madrileño e a Asociación Deportiva Bosco Salesianos que busca favorecer a formación dos xogadores máis novos.

O presidente da institución provincial, Luis Menor, visitou este xoves as instalacións do colexio Salesianos acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez. Durante a visita coñeceu de primeira man o desenvolvemento do campus da man do presidente da Asociación Deportiva Bosco, Lupi Peña; do xerente, Manuel Blanco; e do coordinador deportivo, Soni Vázquez.

Na actividade participan máis de medio cento de rapaces, que traballan baixo a dirección de cinco adestradores, entre eles un técnico especializado para porteiros. Ata o vindeiro sábado desenvolverán un programa que combina adestramentos específicos, actividades de tecnificación e sesións orientadas á mellora individual.

Durante a visita, Luis Menor agradeceu ao Atlético de Madrid que volva elixir a provincia de Ourense para desenvolver este tipo de iniciativas, lembrando que en edicións anteriores o campus tamén se celebrou en Viana do Bolo. O presidente provincial tamén recoñeceu o labor da Asociación Deportiva Bosco pola súa implicación na organización desta actividade.

Menor destacou que a Deputación mantén o seu apoio a este tipo de programas de formación, que permiten aos xogadores e xogadoras máis novos acceder a metodoloxías e técnicos de primeiro nivel da man de clubs de referencia. Neste sentido, lembrou que outros equipos profesionais tamén organizan campus na provincia, como o Deportivo da Coruña en Muíños, o Celta en diferentes concellos ourensáns ou o Real Madrid, que recentemente celebrou o seu campus no Carballiño.

0.12574505805969