A Deputación de Ourense chama a manter o turismo sostible na Ribeira Sacra
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o turismo “sostible” durante o acto “Ribeira Sacra, candidatura a Patrimonio Mundial e compromiso coa mobilidade sostible”, celebrado no expositor de Galicia en Fitur.
Luis Menor ratificou o compromiso “inquebrantable e firme” da Deputación de Ourense coa Ribeira Sacra, un destino que cualificou como “definido, maduro e singular”, destacando tamén os “séculos de historia” que conforman este territorio compartido entre as provincias de Ourense e Lugo.
O presidente da Deputación fixo un chamamento a manter a base dun turismo “sostible”, co obxectivo de conservar, segundo as súas palabras, “a esencia da Ribeira Sacra, a esencia do coidado co que este tesouro chegou ata os nosos días”.
Ademais, destacou o gran traballo realizado para presentar unha candidatura sólida ante a Unesco, confiando en que “moi pronto” se alcance este importante obxectivo.