A Deputación de Ourense e a Asociación Amigos da Cociña Galega reforzan a súa colaboración

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa directiva da Asociación Amigos da Cociña Galega co obxectivo de afondar na colaboración que ambas entidades manteñen desde hai anos.
Segundo explicou Menor, esta cooperación permite desenvolver proxectos que xeran un “importante retorno económico e promocional e, especialmente para Ourense, onde residen a maioría dos asociados”.
Durante o encontro, o presidente provincial felicitou á entidade polo seu labor na preservación da tradición culinaria galega e pola súa capacidade para proxectala fóra das fronteiras. Neste sentido, destacou que son quen de “espallar os valores da cociña galega por todo o mundo” a través de diferentes accións internacionais que contribúen tamén á promoción da calidade agroalimentaria da comunidade.
Pola súa banda, a Asociación Amigos da Cociña Galega trasladou á Deputación a intención de impulsar un gran evento de promoción da gastronomía galega en Xapón, un mercado no que aseguran estar a obter boa acollida e que consideran estratéxico para reforzar a presenza da cociña galega no ámbito internacional.