A Deputación de Ourense e a Xunta asinan un protocolo de case 4 millóns para prevención contra incendios forestais

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Entre as principais medidas previstas destaca a creación de 22 brigadas de prevención e extinción de incendios, que desenvolverán o seu traballo durante seis meses en seis mancomunidades da provincia
xunta-incendios-ourense
21 Apr 2026

A Deputación de Ourense e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia escenificaron hoxe un novo paso na súa colaboración na loita contra os incendios forestais coa sinatura dun protocolo que mobilizará arredor de 4 millóns de euros na provincia.

O acordo foi rubricado polo presidente provincial, Luis Menor, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Delegación Territorial da Xunta en Ourense. O financiamento distribuirase entre ambas administracións, achegando a Deputación preto de 1,4 millóns de euros e a Xunta máis de 2,5 millóns, co obxectivo de reforzar a prevención e a defensa do territorio fronte ao lume.

Entre as principais medidas previstas destaca a creación de 22 brigadas de prevención e extinción de incendios, que desenvolverán o seu traballo durante seis meses en seis mancomunidades da provincia: Ribeiro, Terras de Celanova, Verín, Carballiño, Ourense e Santa Águeda.

Estas unidades realizarán tarefas de vixilancia, actuación directa e prevención, combinando traballos manuais e mecanizados para actuar tanto en situacións de risco elevado como en labores anticipatorias sobre o terreo.

O plan supón a continuidade dun modelo iniciado en 2025, cando se puxo en marcha un programa piloto con 16 brigadas. Segundo explicou o presidente provincial, trátase dun proxecto “que agora se consolida e estende”, reforzando así a súa implantación na provincia.

O protocolo inclúe tamén a incorporación de novo equipamento, como tractores con rozadoira e maquinaria multifunción destinada a labores de desbroce e extinción. Ademais, prevese reforzar a formación do persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.

Durante o acto, Luis Menor destacou que este acordo “non é unha acción illada, senón a continuidade dunha estratexia sostida no tempo baseada na cooperación entre administracións”. Tamén puxo en valor que “desde o ano 2019, máis de 50 concellos da provincia xa se beneficiaron desta colaboración, que permitiu dotar ao territorio de medios reais para a prevención”.

O presidente provincial incidiu, ademais, en que “Ourense é unha das provincias máis afectadas polos incendios forestais, polo que é imprescindible seguir reforzando a coordinación institucional e a capacidade de resposta no territorio”.

Ambas administracións coincidiron en subliñar que a prevención segue a ser a ferramenta máis eficaz na loita contra os incendios e que a cooperación institucional resulta clave para garantir a protección do medio rural, a sustentabilidade e o futuro do territorio.

0.12027716636658