A Deputación de Ourense e o Teatro Principal abren a nova tempada cunha montaxe bilingüe galego-portuguesa

OurenseXa
A coprodución internacional 'O sangue das promes(s)as: Incêndios' reúne a nove intérpretes de Galicia e Portugal nunha versión bilingüe dunha das obras máis recoñecidas de Wajdi Mouawad, que se estrea pasado mañá en Ourense
Estrea Sarabela Teatro Principal Ourense
15 Sep 2026

O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a montaxe 'O sangue das promes(s)as: Incêndios', unha coprodución entre a compañía Sarabela Teatro e a Escola da Noite de Coimbra que se estreará pasado mañá e coa que arrincará a programación do espazo cultural, xestionado pola Deputación de Ourense.

No acto de presentación participaron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora e responsable da dramaturxia da obra, Ánxeles Cuña Bóveda; e Igor Lebreaud, actor do elenco en representación da Escola da Noite.

Durante a súa intervención, César Fernández salientou o significativo de comezar a tempada cun proxecto destas características, indicando que a estrea reflicte o papel do Teatro Principal como un espazo dedicado á cultura de calidade, á creación artística e ao intercambio, reforzando neste caso, a través das artes escénicas, os vínculos históricos entre Galicia e Portugal.

O espectáculo leva a escena 'Incendios', texto do dramaturgo de orixe canadense e libanesa Wajdi Mouawad, recoñecido como un dos grandes referentes da traxedia teatral contemporánea. A proposta escénica conta con nove intérpretes, entre galegos e portugueses, que desenvolven a función alternando os dous idiomas sobre o escenario, nunha iniciativa inédita que afonda na cooperación cultural entre as dúas beiras do Miño.

A obra traslada ao presente os elementos característicos da traxedia grega clásica, tomando como fío condutor a historia de Nawal Marwan e dos seus fillos xemelgos. A través deste relato abórdanse temáticas como os conflitos bélicos, a memoria histórica, a procura de identidade, a violencia e o rastrexo das propias raíces familiares.

O proxecto conta co respaldo da Deputación de Ourense e do propio Teatro Principal, así como da Xunta de Galicia —a través da Agadic— e do Concello de Coimbra.

0.16946792602539