A Deputación de Ourense estrea unha plataforma dixital para modernizar a xestión turística da provincia

A Deputación de Ourense deu a coñecer este luns, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, os resultados do programa 'Ourense Cerca DeTi', un proxecto centrado en dixitalizar o sector turístico da provincia a través do que denominaron unha Plataforma Intelixente de Destino.
O presidente da institución provincial, Luís Menor, subliñou durante a clausura que a iniciativa representa un cambio de enfoque no xeito de planificar e promocionar o turismo no territorio. Segundo explicou, o proxecto sitúa a Ourense como referente en innovación turística, con capacidade para xerar retorno económico, atraer investimento e repartir a afluencia de visitantes ao longo de todo o ano, apoiándose na análise de datos en tempo real sobre ocupación, estacionalidade e patróns de consumo.
O mandatario provincial detallou que converterse nun destino intelixente implica incorporar tecnoloxía punteira para ofrecerlle ao visitante experiencias máis inmersivas e servizos adaptados aos seus intereses, poñendo en valor o patrimonio histórico, natural e cultural da provincia.
Menor lembrou ademais que o proxecto foi financiado na súa totalidade —1,3 millóns de euros— grazas a unha subvención pública, o que converte á Deputación na única administración galega que logrou esta axuda, froito, segundo dixo, dun traballo técnico rigoroso e dunha estratexia definida para o territorio.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, eloxiou o proxecto e destacou o esforzo continuado da administración provincial para captar recursos procedentes de fondos europeos e estatais.
Ferramentas para empresas, concellos e visitantes
Durante a xornada, o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, presentou ao Afiador como imaxe de referencia en formato holograma e explicou o alcance da nova plataforma para empresas, concellos e turistas.
Expuxéronse as vantaxes que estas ferramentas dixitais achegan á administración local e ao tecido empresarial, mostrando de que xeito a tecnoloxía e a xestión baseada en datos permiten mellorar a competitividade do destino, axilizar a toma de decisións e ofrecer servizos máis accesibles e personalizados.
Entre os recursos incluídos na plataforma figuran instrumentos para a promoción e venda de produtos turísticos, sistemas de análise e intelixencia de datos, portais dirixidos a profesionais do sector, paneis de control para a xestión do destino e servizos dixitais pensados para os visitantes. Tamén se desenvolveron solucións específicas para facilitar o labor turístico dos concellos, así como asistentes virtuais, aplicacións móbiles, sistemas de recomendación e opcións de reserva en liña orientados a mellorar a experiencia do turista.
Visitas autónomas a museos
O acto serviu tamén para presentar un caso práctico centrado nas visitas autónomas a museos, unha iniciativa que busca dixitalizar os espazos museísticos da provincia. Esta solución permitirá complementar a visita con contidos dixitais e elementos interactivos, abrindo novas vías de acceso ao patrimonio cultural e ampliando a difusión e o coñecemento dos museos da provincia.