A Deputación de Ourense impulsa o comercio local e a promoción do sector floral ourensán a través da campaña “En Aflor todos somos floristas”

A campaña “En Aflor todos somos floristas” está a demostrar o impacto das iniciativas destinadas á dinamización do comercio local impulsadas pola Deputación de Ourense a través do Inorde. O presidente e a xerente do organismo provincial, Rosendo Fernández e Emma González, visitaron este martes a floristería “El Jardín de XXIII” para coñecer os detalles desta proposta da Asociación de Floristas de Ourense (AFLOR), da man do seu presidente, Jesús de Dios.
A iniciativa conta co apoio da liña de axudas para a dinamización comercial do Inorde destinada a asociacións da provincia e ten como obxectivo poñer en valor o traballo profesional e artesanal das florerías locais, reforzar a identidade colectiva do sector floral ourensán e promover hábitos de consumo máis responsables e sostibles.
Durante a visita, Rosendo Fernández destacou a importancia de apoiar o tecido comercial da provincia mediante programas que teñen “un impacto directo e real na rúa”. Segundo sinalou, a campaña de AFLOR é un exemplo de proxecto que “non só promociona a marca colectiva dos nosos floristas, senón que impulsa hábitos de consumo responsables e sostibles”.
O presidente provincial tamén puxo en valor a capacidade da asociación para adaptarse ás novas necesidades da sociedade e asegurou que para o Inorde é “un orgullo colaborar con proxectos que conxugan a dinamización económica co coidado do medio ambiente e a redución de residuos”.
A actuación principal da campaña consiste no deseño, elaboración e distribución de 5.000 bolsas reutilizables. As bolsas están serigrafiadas co logotipo oficial da asociación e co lema da iniciativa, e foron fabricadas con materiais resistentes e de longa duración.
Estes elementos funcionan como soportes publicitarios que permiten visibilizar o comercio local e a asociación floral mentres circulan polas rúas da provincia, ao tempo que fomentan a reutilización fronte ao consumo de produtos dun só uso.
As bolsas foron distribuídas entre 25 floristerías asociadas a AFLOR situadas en diferentes concellos da provincia de Ourense, co obxectivo de garantir a presenza da campaña en todo o territorio. A entrega aos clientes finais desenvolverase durante os meses de xullo a outubro.