A Deputación de Ourense incorpora un sistema de lectura en voz alta na súa web para mellorar a accesibilidade

OurenseXa
A nova función “Escoitar” permite reproducir os contidos do portal provincial e facilita o acceso á información a persoas con dificultades de lectura ou discapacidade visual
fachada-pazo-provincial-deputacion-de-ourense
19 Jun 2026

A Deputación de Ourense vén de engadir á súa páxina web unha nova ferramenta destinada a mellorar a accesibilidade e facilitar o acceso á información institucional. Trátase dun sistema de lectura de contidos en voz alta dispoñible a través do botón “Escoitar”, que permite reproducir os textos publicados no portal provincial.

Esta funcionalidade supón un avance especialmente relevante para as persoas con discapacidade visual ou con dificultades de lectura, ao ofrecerlles a posibilidade de acceder aos contidos dun xeito máis cómodo, autónomo e inclusivo.

Coa incorporación desta ferramenta, a institución provincial continúa coa súa aposta por unha administración máis accesible, próxima á cidadanía e orientada á igualdade de oportunidades no acceso á información pública.

A Deputación de Ourense sinala que este paso forma parte do seu compromiso coa transformación dixital e coa eliminación de barreiras que dificulten a relación entre a cidadanía e a administración, apostando por solucións tecnolóxicas que contribúan a unha institución máis moderna e transparente.

A nova función xa está dispoñible na web provincial e permite escoitar os contidos de maneira sinxela e intuitiva.

0.125657081604