A Deputación de Ourense pon en marcha un novo ciclo de rutas para promocionar a Vía da Prata

OurenseXa
O programa permitirá percorrer máis de 90 quilómetros deste camiño en catro etapas entre Feces e Ourense
via-da-prata
18 May 2026

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, pon en marcha un novo ciclo de rutas de sendeirismo pola Vía da Prata entre Feces e Ourense, dentro do proxecto “Camiño Vertical”, unha iniciativa centrada na promoción do turismo sustentable e na posta en valor dos itinerarios culturais e naturais do espazo transfronteirizo galego-portugués.

A proposta forma parte do proxecto europeo 0311_CAMINO_VERTICAL_1_E, cofinanciado polo programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea. Nel participa o Inorde co obxectivo de reforzar os camiños históricos como recurso turístico, patrimonial e de dinamización económica do rural.

O programa permitirá percorrer máis de 90 quilómetros da Vía da Prata en catro etapas que conectan a fronteira portuguesa coa cidade de Ourense, atravesando diferentes espazos de alto valor paisaxístico e cultural. As persoas participantes poderán inscribirse no ciclo completo ou en etapas individuais, adaptando así a actividade ás súas posibilidades.

Co fin de garantir unha experiencia accesible e segura, todas as andainas contarán con guías especializados e servizo de transporte en autobús para os desprazamentos dos participantes.

O calendario previsto arrinca o 31 de maio coa etapa Feces–Verín (18,7 km), un percorrido que cruza a fronteira procedente de Chaves e pasa por Feces de Abaixo, Mandín, Tamaguelos e Mourazos, nun traxecto de dificultade media-alta.

A segunda cita será o 7 de xuño, cunha ruta entre Verín e Xinzo de Limia (34,8 km), que atravesa o castelo de Monterrei e o val de Albarellos ata o alto das Estibadas. Esta etapa poderá completarse de forma íntegra ou dividirse en dous tramos: Verín–Trasmiras (21,5 km) e Trasmiras–Xinzo (13,2 km).

O 14 de xuño terá lugar a terceira andaina, entre Xinzo de Limia e Allariz (20,8 km), que discorre pola chaira da Limia e a antiga contorna da Lagoa de Antela, seguindo o trazado da histórica Vía Nova romana.

O ciclo pecharase o 21 de xuño coa etapa Allariz–Ourense (22,6 km), que atravesa Santa Mariña de Augas Santas, un dos conxuntos etnográficos máis singulares de Galicia, antes de entrar na capital provincial polo barrio de Seixalbo.

As inscricións están dispoñibles a través da páxina web de Conoce Galicia, e pode obterse máis información no teléfono 988 253 359.

0.12661814689636